É Aprender inicia as reunións trimestrais coas familias do alumnado, principal novidade da quinta edición Este curso 58 nenos e nenas inscribíronse neste programa que achega apoio psicopedagóxico ao alumnado do concello de Tomiño

Mellorar as capacidades, habilidades e rendemento escolar do alumnado implicando a todos os axentes relacionados coa educación dos rapaces e rapazas, dende as familias ata o centro escolar, pasando polos Servizos Sociais municipais en caso de ser necesario. Ese é o obxectivo do programa É Aprender do Concello de Tomiño, que chega este ano á súa quinta edición cunha gran aceptación por parte dos tomiñeses e tomiñesas e cunha novidade importante: reunións trimestrais individuais coas familias.

Tras o remate do primeiro trimestre e durante os vindeiros días, a educadora social, a psicóloga e a mestra que conforman o equipo do É Aprender reúnense coas familias dos e das participantes no programa para facer unha avaliación de cada alumno e alumna, o que permite  “unha atención individualizada adaptada ás necesidades de cada neno e nena e que o programa lle sexa moito máis útil aos rapaces e rapazas”, asegura a educadora social e coordinadora Blanca Fernández. Xunto a ela nesas xuntanzas coas familias, participan a psicóloga e tamén coordinadora Andrea Iglesias e a mestra Silvia Villanueva.

Reunións de avaliación

Nestas reunións de aproximadamente media hora as tres profesionais avalían xunto coas familias a actitude no rapaz ou rapaza e o seu traballo en equipo, así como aqueles aspectos nos que hai que seguir traballando para mellorar. “Os pais e nais ven como vai na casa e entre todos analizamos onde é preciso que haxa máis reforzo ou se é preciso traballar o comportamento e darlle ás familias as ferramentas necesarias para evolucionar neste aspecto”, recalca Fernández.

Ademais, estas reunións permiten “ter un feedback” e unha visión xeral do alumno ou alumna, que “non sempre desempeña o mesmo rol no colexio que en casa”. Estas xuntanzas complétanse cunha posta en común cos outros dous axentes implicados na educación dos menores, os centros escolares e os Servizos Sociais municipais naqueles casos que veñan derivados do programa de educación familiar municipal. “Non temos unha escola de pais e nais propiamente dita, así que este é un modo de coordinar a todos aos axentes implicados á vez que se lle dan aos pais e nais ferramentas para traballar a educación dos rapaces e rapazas na casa”, salientan as expertas.

Un 20% máis de inscritos

Este curso 2017/2018 inscribíronse no programa 58 nenos e nenas, un 20% máis que na edición anterior. A pesar desta cifra, polo momento están participando no É Aprender 56 nenos e nenas, xa que dous dos inscritos son de Tebra, onde non se puido chegar a conformar grupo por ser as únicas inscricións, e que non poden desprazarse e sumarse ao grupo doutra parroquia.

Fronte aos seis grupos do ano pasado, nesta edición organizáronse oito grupos en seis parroquias diferentes distribuídos da seguinte forma: na parroquia de Currás hai un grupo de Primaria con 9 nenos e nenas; na de Piñeiro un de Secundaria con 5 mozos e mozas e nas de Barrantes e Estás un grupo de Primaria e Secundaria simultáneo, con 8 e 5 rapaces e rapazas respectivamente. Pola súa banda, en Tomiño e Goián hai grupo de Primaria e Secundaria diferenciados, con 5 e 7 nenos e nenas na primeira parroquia e con 12 e 5 na segunda.

As cifras deste ano melloraron significativamente dende o curso pasado, xa que incrementouse en máis dun 39,2% o número de participantes iniciais, pasando de 46 no curso 2016/2017 a 56 no actual. Ao final do curso pasado había 38 nenos e nenas participando no É Aprender, xa que se deron 12 altas máis ao longo do ano, pero tamén se tramitaron 8 baixas.

Prazo de inscrición aberto

O prazo de inscrición para participar neste programa non pecha, polo que as cifras de participantes poderán incrementarse ao longo de todo o curso. O É Aprender vai dirixido a mozos e mozas dende 5º de Primaria a 2º da ESO e ao alumnado de FP básica censados en Tomiño.

Todas e todos os interesados en participar no programa poden facelo enchendo o formulario de inscrición e entregalo fisicamente en Servicios Sociais e Cultura, no Concello ou nos propios centros educativos ou envialo de xeito electrónico a aprender.tomino@gmail.com.