Educación prepara a reforma e ampliación máis importante do IES Antón Alonso Ríos de Tomiño

Educación prepara a reforma e ampliación máis importante do IES Antón Alonso Ríos de Tomiño Consellería e Concello traballan man a man para sacar adiante o proxecto, no que a Xunta investirá 1,6 millóns de euros para a ampliación de 1.140 m2 e a reforma doutros 1.000 m2

Concello de Tomiño e Consellería de Educación traballan xa man a man para darlle encadre urbanístico ao anteproxecto de ampliación e reforma do IES Antón Alonso Ríos e dotar de viabilidade un proxecto que suporá a maior remodelación deste centro nos seus case 28 anos de historia. A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, visitou as instalacións do centro acompañada do Xefe Territorial de Educación de Pontevedra, César Pérez Ares, así como do Inspector de Educación de Zona, de membros do Servizo de Unidade Técnica de Educación e da propia arquitecta municipal.

As obras suporán un investimento de 1,6 millóns de euros xa recollidos nos orzamentos da Xunta de Galicia, dos que 200.000€ serán para a anualidade 2021 e 1,4 millóns para os traballos realizados no vindeiro ano. A Consellería traballa de forma estreita co Concello de Tomiño para que tras a aprobación do proxecto definitivo este sexa presentado na área de Urbanismo e se proceda á tramitación das licencias necesarias para iniciar a obra.

Estes traballos de mellora suporán a ampliación das instalacións en 1.140 metros cadrados e a reforma noutros 1.000 m2, unha obra de gran calado e vital importancia que permitirá dotar ao IES Antón Alonso Ríos de novas aulas para os dous ciclos formativos que se imparten no centro, Electrónica e Forestais, e completar as de educación secundaria e Bacharelato. Deste xeito, o instituto contará con 6 novas aulas de 25 m2, con 4 de 60 m2, unha nova de 90 m2 e outra de 120 m2. Está previsto que as obras comecen a finais deste ano 2021 e, segundo o calendario establecido pola Xunta, remataranse durante o curso 2021/2022.

A rexedora tomiñesa quixo agradecer a César Pérez o traballo realizado “para sacar adiante este proxecto tan importante nun concello cunha poboación en crecemento, con moita xente moza e cun instituto que está acollendo a moitos rapaces e rapazas doutros municipios que estudan tanto ESO como Bacharelato ou ciclos formativos no noso IES”.

O equipo directivo do instituto, encabezado pola súa directora, Cruz Garrido, amosou a súa satisfacción polo proxecto, que dá resposta a unhas demandas polas que o centro leva anos loitando. Pola súa banda, o Xefe Territorial de Educación de Pontevedra quixo destacar o gran labor feito por todo o profesorado neste ano escolar tan duro.