Enquisa á veciñanza: Informe de seguemento PACES O Concello de Tomiño lanza unha enquisa aos tomiñeses e tomiñesas para analizar a evolución do Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible

O Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible (PACES) foi elaborado polo Concello de Tomiño no ano 2020, como medida para cumprir os obxectivos do Pacto das Alcaldías. Este último trátase da maior iniciativa urbana do mundo en materia de clima e enerxía, que agrupa a miles de autoridades locais e rexionais comprometidas a reducir as emisións de CO2 en, polo menos, un 40% de aquí a 2030.

Tras lanzar unha enquisa á cidadanía en 2020 para recoller as súas inquedanzas na determinación das medidas do PACES, o Concello volve habilitar agora un espazo de participación veciñal, neste caso para seguir a evolución do Plan.

Debido aos efectos do cambio climático, que xa se poden percibir nas súas consecuencias no día a día das persoas, o Concello comezou a traballar en 2020 no PACES, financiado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia e cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). O Plan contemplaba no comezo da súa elaboración dous tipos de medidas: unhas encamiñadas a reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro do Concello, e outras dirixidas a reducir as consecuencias negativas que o cambio climático poida ter sobre a poboación.

Agora é a quenda da veciñanza tomiñesa para colaborar ca política medioambiental do Concello, e para que este poida reducir satisfactoriamente a súa pegada de carbono cumprindo cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU. As respostas da cidadanía achegaranse ao equipo redactor do Informe de Seguemento do PACES, e serán incorporadas ao documento que rexirá a folla de ruta para reducir as emisións de CO2.

No seguinte enlace poderá accederse á enquisa.