Este sábado 16, nova cita co sabor no Mercado de Tomiño

Este sábado 16, nova cita co sabor no Mercado de Tomiño Xa están á venda os tíckets para participar na segunda xornada de degustación de pinchos celebrada ao abeiro da campaña ‘Vive!’

A actividade continúa esta Semana Santa en Tomiño con novas accións programadas ao abeiro de ‘Vive!’, unha campaña posta en marcha polo Concello para a reactivación económica e a dinamización do comercio local e que está a ter unha grande acollida por parte do público durante as súas primeiras semanas de vida.

Este 16 de abril, o Mercado de Tomiño acolle a segunda xornada dos ‘Sábados con sabor’, un formato co que se busca que a veciñanza desfrute do tempo lecer nestas instalacións mentres degusta novidosos pinchos e bebidas, á vez que enche de vida o mercado e convida a tomiñeses e tomiñesas a mercar nel.

Nesta nova xornada, o público poderá gozar de 13.00 a 15.00 horas de dúas bebidas e dous pinchos de autor ideados e creados para cada sesión polos propios praceiros e praceiras con produtos locais. Así, o menú desta fin de semana estará composto por falafel e por unha brocheta de tenreira con lagostinos en salsa teriyaki e sementes de sésamo.

As persoas interesadas en participar poden comprar xa os seus tíckets en calquera dos postos do Mercado Municipal de Tomiño. O prezo de cada entrada será de seis euros e haberá un aforo máximo de 60 persoas.