
03 Xuñ Estudantes tomiñeses fórmanse en valores e aprenden a ser máis solidarios e comunicativos
O Concello organizou diferentes actividades extraescolares en todos os centros educativos públicos do municipio
Co obxectivo de fomentar a calidade da ensinanza en todos os centros educativos do municipio, o Concello de Tomiño, organizou ao longo do curso distintas actividades extraescolares dentro do horario lectivo, que abarcaron dende o nivel de Infantil ao de Bachalarato, aos que concorre perto dun millar de estudantes.
O amplo programa elaborado pola Concellería de Educación rematou hoxe coa actuación do grupo Migallas Teatro, e o seu espectáculo para nenos e nenas de 0 a 3 anos “Entre arrolos e contiños”, que tivo lugar este mediodía na Escola Infantil do Seixo.
Precedéronlle “As andanzas de Paio”, do grupo Oviravai, para alumnado de educación infantil dos coles públicos da vila un proxecto que integra a ensinanza e a aprendizaxe da lingua con contidos curriculares e temas transversais que son traballados en Infantil e Primaria: a granxa, os animais domésticos e salvaxes, as especies ameazadas, os medios de transporte, a protección dos hábitats naturais, o coidado da saúde, a alimentación, os diferentes tipos de familias, outras culturas e linguas, etc.
En Educación Primaria traballouse coa actividade “Dobraxe na escola”; un cursiño de locución e dobraxe, no que os estudantes aprenderon técnicas de lectura en galego, manexo da voz dobrando a diferentes personaxes, coa finalidade de favorecer a súa capacidade de expresión na lingua galega, a súa relación coas demais persoas, perfeccionar a súa dicción, enriquecer o seu léxico e potenciar a seguridade en sí mesmos/as.
Outra das actividades para Primaria foi “A ritmo de corazón”, un obradoiro no que o alumnado aprendeu ritmos de diferentes instrumentos de percusión, a través de fábulas. Tamén aprenderon algúns pasos de danza africana e cancións infantís propias dese continente, da man dun músico senegalés, co fin de traballar o ritmo e a psicomotricidade e adquirir conciencia corporal, a través dunha cultura diferente e educando en valores coma o multiculturalismo, a mestizaxe e o respecto.
Por último, destinado ao sector de Educación Secundaria e Bachalarato, organizouse no IES de Tomiño en colaboración co Fondo Galego de Cooperación, unha exposición sobre o tema “Os nenos e nenas soldados” e una charla alusiva a cargo de Roberto Mansilla, analista do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi), quen falou da utilización de menores en conflitos armados, etc.
A alcaldesa e responsable de Educación, Sandra González, explica que dende o Concello de Tomiño existe un compromiso coa educación da cidadanía. “O noso obxectivo é fomentar a calidade educativa, ofertando actividades e programas gratuitos para mellorar a aprendizaxe formal e non formal”, informa.
Un claro exemplo de acción educativa non formal é o programa municipal É APRENDER dirixido a alumnado de primaria e ESO, que ten entre os seus fins, paliar o fracaso e abandono escolar así como motivar ás persoas participantes.
Alén diso, o Concello oferta de xeito gratuito durante todo o curso ACTIVIDADES EXTRAESCOLARES en todos os centros educativos do municipio: francés, multideporte, xadrez, elaboración de vídeo, teatro de sombras etc.