Expertos abordan en Tomiño o problema do saneamento en concellos rurais con moita dispersión

  • Expertos de diferentes universidades e doutros organismos abordaron durante tres días  a realidade de municipios con núcleos dispersos, como Tomiño, onde un 20% da poboación vive en núcleos con menos de 500 habitantes
  • As conferencias celebráronse na Casa da Cultura  e contaron cunha moi boa afluencia de público

Xornadas 1

Durante tres días consecutivos, expertos de diferentes universidades galegas e organismos públicos e privados, abordaron o problemático tema do saneamento en concellos rurais con moita dispersión, no marco das  I Xornadas de Saneamento e Depuración de Augas, organizadas pola Concellalía de Medio Ambiente do Concello de Tomiño.

María Xosé Vázquez, concelleira responsable da área, explicou que os obxectivos da actividade eran reflexionar sobre a situación do saneamento en Galicia e a problemática en concellos rurais coma Tomiño, con hábitats dispersos; analizar problemas de pozos negros e fosas sépticas obsoletas ou deficientes, e alternativas para pequenas poboacións.

“A situación actual do saneamento e depuración en Concellos rurais galegos. O caso de Tomiño”, foi o tema, abordado o primeiro día (22 de novembro)  por David Hernáez Oubiña, enxeñeiro de Camiños, Canais e Portos; técnico de Augas de Galicia e profesor asociado da Universidade da Coruña (UDC).

Segundo o experto, o 20% da poboación total de Tomiño (13.873 habitantes) vive en 62 núcleos de menos de 500 habitantes, e o resto o fai en entidades de poboación diseminadas, constituídas por edificacións ou vivendas que non poden incluírse no concepto de núcleo.

Xunto a el, estiveron tamén Joaquín Suárez López (doutor e enxeñeiro de Camiños, Canais e Portos; investigador do Grupo de Enxeñaría da auga e do Medio Ambiente, e profesor titular da UDC, e Marián Lago Torrado, técnica responsable da empresa Aqualia en Tomiño.

Os expertos coincidiron na necesidade de analizar o sistema de saneamento máis viable e axeitado para cada unidade de poboación, segundo as súas características e número de habitantes, e comentaron as diferentes alternativas existentes dende os sistemas colectivos de proximidade até os autónomos.

As conferencias continuaron os días 23 e 24, na Casa da Cultura, en horario de 20.00 a 22.00 horas, contando cunha boa afluencia de público interesado.

Ao longo deste tres días, os técnicos analizaron tamén sistemas de depuración autónomos mediante tanques ou fosas sépticas; solucións individuais e para pequenas poboacións, e sistemas de depuración alternativos baseados en plantas; humidais artificiais, ecolagoas, etc.