Fantasía, humor e poesía visual para toda a familia en Tomiño con ‘Cubo’

Fantasía, humor e poesía visual para toda a familia en Tomiño con ‘Cubo’ Fantasía, humor e poesía visual para toda a familia en Tomiño con ‘Cubo’

Tomiño prepara o Día Mundial da Infancia cun planazo para desfrutar en familia. Este domingo 20 de novembro o auditorio municipal de Goián sube o pano para gozar de ‘Cubo’, unha obra de teatro xestual da compañía Elefante Elegante pensada para o público a partir dos 3 anos.

María Torres e Gonçalo Guerrero dirixen e protagonizan esta obra que transcorre nun misterioso cubo de dous metros de lado, no que, a pesar de ser moi diferentes, conviven en harmonía. Ela é curiosa e decidida, el tenro e vulnerable. Xogan, divírtense e rin, pero un día ela decide ir máis aló, quere viaxar en busca de novas preguntas e descubrir o mundo enteiro. Pero el está contento coas súas respostas, síntese cómodo, seguro e non quere máis que balancearse eternamente no bambán do seu cubo. Sempre conseguiron poñerse de acordo, pero esta vez semella moi complicado.

Nesa viaxe na procura dunha solución, Elefante Elegante representa no escenario un espectáculo que evoca a amizade, a necesidade de coñecemento e a aventura de medrar, sempre desde a igualdade, rachando estereotipos de xénero. As imaxes suxeridas polo texto, a evocación da música e a axilidade do xogo físico crean un universo cómico e poético que vai dende a fantasía ata o nacemento da curiosidade humana.

‘Cubo’ é un xogo de fantasía, humor e poesía visual para toda a familia que chegará ao auditorio ás 17.30 horas. As entradas terán un prezo de 3 euros para persoas adultas e de 1,5 euros para menores de 12 anos.