Fernando Nogueira, alcalde de Vila Nova de Cerveira, asume a función de Director da AECT Río Miño Uxío Benítez, deputado provincial e concelleiro de Tomiño, pasou á súa vez, a ocupar a vice dirección da entidade transfronteiriza

Dando cumprimento ao nº 4 do Artigo 15º dos estatutos da Agrupación Europea de Cooperación Territorial do Río Miño (AECT Río Miño) , que prevé que o director e o vice-director alternem as súas funcións cada dous anos, o alcalde de Vila Nova de Cerveira, e até agora, vice-director deste organismo transfronteirizo, Fernando Nogueira, vén de asumir a función de director e, polo mesmo, Uxío Benítez, a de vice-director da citada asociación.

Durante unha reunión celebrada o venres 31 de xullo en Valença, ambos os responsábeis manifestaron a satisfacción polo bo relacionamento conseguido nestes dous anos e polo desenvolvemento da acción executiva da AECT Río Miño, sinalando que o traballo colexiado e a procura de consenso, foi conseguido a través dunha relación próxima e constante.

Sendo esta metodologia colaborativa máis adecuada para o bo funcionamento desta entidade de cooperación territorial, Fernando Nogueira e Uxío Benítez acordaron manter esta relación permanente na toma de decisións executivas que son atribuídas á dirección da entidade.

Fronte aos momentos difíciles vividos recentemente coa Pandemia COVID -19 e o peche de fronteiras, a dirección do AECT Río Miño ten a expectativa dunha rápida superación anímica e económica do territorio do Río Miño Transfronteirizo, comprometéndose ambos a continuar a traballar en conxunto e cos respetivos municipios asociados que compoñen o territorio de intervención do AECT, para permitir a implementación de proxectos e iniciativas de cooperación que promovan a melloría da situación socioeconómica deste territorio común.

A Agrupación Europea de Cooperación Territorial do Río Miño (AECT Río Miño) é un instrumento de cooperación, con personalidade xurídica propia, integrada pola Deputación de Pontevedra e a Comunidade Intermunicipal do Alto Minho. Constituíuse en Valença o 24 de febreiro de 2018 para superar as dificultades atopadas na implementación de proxectos no territorio transfronteirizo e está formada por 26 municipios transfronteirizos.