Fin de semana cultural en Tomiño con teatro para adultos e espectáculo visual para todo público “Loló e mamá”, de De Ste Xeito Producións chega ao Auditorio de Goián o sábado, e “Nómades”, de Xarope Tulú, o domingo

Dúas propostas culturais definirán a vindeira fin de semana en Tomiño. Teatro para adultos, con “Loló e mamá”, de De Ste Xeito Producións, o sábado ás 22.00h, e “Nómades”, de Xarope Tulú, o domingo ás 17.00, ambas no Auditorio Municipal de Goián, son as dúas actividades que organiza a Concellería de Cultura dentro da súa Axenda de Outono.

“Loló e mamá”, de  De Ste Xeito Producións é unha obra de teatro escrita por Esther F. Carrodeguas, que relata a historia de Margot, nai de Loló, que queda sen emprego e decide vivir na casa da súa filla, cruzando o océano. O que parecía unha idea xenial que axudaría a xuntar a unha familia desestruturada, axiña muda en desastre. Como acolle unha filla a volta da súa nai? Quen é a nai e quen a filla cando esta última ofrece casa e sustento? Canto tempo pode pasar até que esta bomba de reloxería estoupe definitivamente? Loló e Mamá fai ver, grazas a un humor fino e acedo, que o amor é unha arma de dobre fío. Un retrato cáustico e ben interpretado sobre o egoísmo imposto pola sociedade moderna, o debilitamento das redes familiares e a ambigüidade dos afectos.

 

“Nómades”, de Xarope Tulú, chegará o domingo ás 17.00h. O espectáculo, que mestura movemento, imaxes, música e palabras para crear paisaxes singulares, está pensado para todo público. Trátase dunha proposta en base a teatro e danza para público infantil, recomendado para nenos e nenas de entre 6 e 12 años

“Tres corpos de costas, dúas xaboeiras, unha chepa e ocos; moitos ocos. Como definir un corpo? A través dos paseos en bicicleta, ou polas bágoas provocadas logo dunha caída, ou polos sucos nas pernas ou se cadra pola capacidade de axustarse ó molde da saia, ou do pantalón…?”. Con estas palabras, os realizadores tentan definir a obra. “Habitamos a beleza do diverso, esa beleza que dá cor a outros corpos e facilita a aparición de novas tonalidades, texturas e maneiras de vivir, onde non existe un corpo equivocado, onde é posible imaxinar ás persoas en abstracto”, explican.

Os intérpretes Mara Roja, Diego Martínez y Atenea García actúan baixo a dirección de Gena Baamonde.