Fin de semana de festa en familia, música de Eurovisión e roteiros transfronteirizos Para inscribirse nas actividades é preciso apuntarse previamente, aínda que as entradas son todas de balde

A fin de semana preséntase activa e lúdica en Tomiño. O Concello organiza un concerto de música de banda e unha gran festa familiar, e a Eurocidade Cerveira-Tomiño, unha ruta transfronteiriza para coñecer os Fortes da Guerra de Restauración; tres citas que terán lugar, respectivamente, os días venres 27, sábado 28 e domingo 29.

Dentro do ciclo “O Son da Praza”, a Agrupación Musical de Goián actuará en concerto o vindeiro venres, 27 de agosto, a partir das 22.30h, na Praza do Seixo. Será un concerto moi especial que renderá tributo a Eurovisión, con varios temas deste concurso internacional que se fixeron famosos a través dos anos. A agrupación musical xunto coa empresa Infinity realizará un percorrido polas cancións máis significativas que pasaron polo histórico festival. 

As entradas son de balde pero é preciso reservar praza, chamando ao 986 622 001 ou enviando un correo electrónico cos datos, a cultura@tomino.gal.

O sábado 28, na Fortaleza de Goián, tempo para xogar e convivir. Familias en festa é un espectáculo destinado a nenos e nenas de 0 a 12 anos e ás súas familias, con actividades e concertos de balde dende as 16.30h ás 22.30h. Haberá un espazo de terra de xogo libre para bebés; espazos de xogo libre e brinquedos tradicionais para a infancia de 3 a 6 anos e para rapazada de 6 a 12; o espectáculo teatral e musical “GATUXO”, para bebés; un espectáculo de circo para rapazada de 6 a 12 e nenos/as de 3 a 6, e como colofón, gran concerto de Cé Orquestra Pantasma e Xoán Curiel e a Banda do Verán, para todos os públicos.

Por último, dentro dos Roteiros Miño, organizados pola Eurocidade Cerveira-Tomiño, o domingo, 29, terá lugar a 3ª ruta programada: Ruta dos Fortes da Guerra de Restauración. As persoas que se apunten visitarán, acompañadas de expertos, varias construcións fortificadas e outras xa desaparecidas do século XVII, concretamente do período comprendido entre os anos 1640 e 1668, ca declaración de Independencia do Reino de Portugal e a posterior Guerra de Restauração.

Neste caso para poder participar é preciso enviar un correo electrónico a: roteirosminho@gmail.com cos datos (nome, data de nacemento, teléfono e correo electrónico).