Fin de semana musical en Tomiño O sábado a Agrupación Musical de Goián ofrecerá o tradicional “Concerto do Socio” , e o domingo, a Coral Polifónica de Tomiño será a anfitrioa do Encontro de Corais

O Auditorio Municipal de Goián acollerá este fin de semana o tradicional “Concerto do Socio” a cargo da Agrupación Musical de Goián, e o Encontro de Corais, no que a Coral Polifónica de Tomiño actuará como anfitrioa.O vindeiro sábado 7 de maio actuarán as bandas Xuvenil e Agrupación Musical de Goián, dirixidas por Pedro Villarroel.
Con este concerto, aberto a todo o público, a agrupación quere agradecer “a todas as entidades e persoas que colaboran e fan posible que se poida levar a cabo a nosa labor musical”. O programa escollido para este tradicional concerto posúe pezas dos autores Eric Whitacre, Frank Ticheli, Ralph Vaughan, Masanori Taruya, Robert W. Smith e Naohiro Iwai.

  

Por outra banda, o domingo 8 de maio ás 19.00 horas, terá lugar o Encontro de Corais de Primavera, no que participarán as corais polifónicas de Oleiros (A Coruña), A Cañiza e Tomiño. A organización corre a cargo desta última, coa colaboración do Concello e da Federación Coral Galega.

A coral tomiñesa pechará o concerto do domingo, baixo a dirección de David González. O programa escollido para a ocasión é o seguinte: “Alecrín dourado” (popular); “Te quisiera llevar” (A. López García. Arranxo de Javier Alonso); “Hermosa” (harmonía de Rey Rivero); “Enguedellos” (harmonía de Rey Rivero) e “A virxe do Portovello” (Manuel de Dios).

A Coral Polifónica de Tomiño comezou a súa andaina no ano 1997, da man de Teresa Clara Iglesias Ramilo, estando formada na actualidade por 30 voces mixtas. Dende a súa fundación, a agrupación polifónica recorreu as comarcas veciñas, e outras moitas de Galicia, Portugal e España, participando en numerosos intercambios, encontros e concursos. Este encontro prodúcese despois de dous anos de parón por mor da pandemia, e con máis de 10 baixas por causa de enfermidade.