Fortalecer a memoria, manter o corpo áxil e reforzar as habilidades sociais, “deberes” dos maiores tomiñeses

O Concello organiza o programa coa colaboración de Vontade, COGAMI e gabinetes pedagóxicos

Grupo maiores en Vontade 1

O programa de maiores da Concellaría de Servizos Sociais do Concello de Tomiño, que dirixe Cristina Martínez, organiza unha serie de actividades, totalmente gratuítas, co obxectivo de promover o envellecemento activo da poboación.

Tres grandes liñas de traballo forman parte do programa levado adiante polo Concello coa colaboración das entidades para persoas con discapacidade Vontade e COGAMI e gabinetes pedagóxicos, e que permiten ás persoas de idade avanzada a manter áxil as áreas cognitiva, física e social.

O obradoiro “Activa a túa mente”, ten coma finalidade estimular e manter as capacidades mentais e retardar o avance de enfermidades neuro dexenerativas. “Tratamos de mellorar as capacidades cognitivas dos usuarios co fin de mellorar a súa calidade de vida”, explica Bibiana Álvarez, psico- pedagoga encargada.

Por outra banda, estes talleres funcionan coma un espazo de ocio e distracción “no que se fomenta a relación interpersoal e o traballo en equipo, logrando reducir os niveis de ansiedade e depresión”.

Actividades relacionadas coa linguaxe, exercicios de vocabulario, frases e refráns, lectura, etc., intercálanse coa resolución de problemas da vida diaria, xogos de cálculo mental, sudokus, tarefas para exercitar a atención, a concentración, a memoria, a planificación, etc.

A metodoloxía que se emprega tenta ser o máis dinámica posible, buscando a participación e a integración de todos os asistentes.

“Dende o comezo da actividade, a melloría que se notou nos usuarios do taller é asombrosa, tanto no seu nivel cognitivo persoal coma na integración grupal que se alcanzou”, asegura Bibiana Álvarez.

Por outra banda, os maiores realizan diferentes exercicios de “movemento terapéutico”. A idade e patoloxías dos participantes non é un problema, xa que o nivel de esforzo está regulado e adaptado ás capacidades de cada quen.

Movemento das articulacións, exercizos de coordinación, psicomotricidade , reforzo da musculatura, axilidade, equilibrio, e forza son outras actividades físicas que tamén se realizan dentro do programa municipal.

Por último, dentro da denominada “educación non formal”, desenvólvense actividades para fomentar a integración e participación social, proporcionando recursos e estratexias que permitan un desenvolvemento individual equilibrado. Con este fin, organízanse obradoiros manipulativos (masa de sal, flores de papel reciclado) xogos populares, pasatempos, roteiros e saídas; visitas culturais, actividades puntuais en datas sinaladas (Letras Galegas, Día da Muller Traballadora), encontros interxeracionais, etc. Esta terceira área está a cargo de Marta Moure, educadora social de COGAMI.

Outros talleres que se están levando a cabo con carácter experimental, son musicoterapia, bailoterapia, risoterapia (Venres Saudables), impartidos pola psicóloga Mercedes Rodríguez de COGAMI.