Goián acolle a 4ª proba do Campionato Galego Inclusivo Fibralar de Motonáutica 2021 A proba discurrirá por augas do río Miño, á altura da praia de Goián (dotada dun pantalán adaptado) e fronte á localidade lusa de Vila Nova de Cerveira

O Espazo Fortaleza de Goián(Tomiño) acolle o vindeiro 5 de xuño a cuarta etapa do Campionato Galego Inclusivo Fibralar de Motonáutica 2021.

A competición, que pretende facilitar a integración das persoas con diversidade funcional na práctica do deporte, foi presentada onte no Concello de Tomiño. Na presentación estiveron Marcos Casaleiro e Carlos Estévez, en representación da Real Federación Galega de Motonáutica; Francisco Campo, concelleiro de Deportes, e Marcos Figueiras Pose, en representación de Fibralar, operadora de internet que patrocina o evento.

Pola súa banda, tanto o concelleiro coma o representante de Fibralar, aseguraron sentirse orgullosos de poder achegar o seu gran de area a unha competición destas características, e contribuir á inclusión das persoas con diversidade funcional da comarca.

A proba discurrirá por augas do Miño, á altura da praia de Goián, dotada dun pantalán adaptado. 

Con arranque programado ás 10 e media da mañá, piloto e copiloto terán que enfrontarse a unha serie de probas de destreza, nun circuíto marcado por aboias fondeadas sobre as que terán que trazar un percorrido con diversas dificultades, e que serán desveladas no último momento polo Comité de Xuíces da Federación Galega de Motonáutica

Segundo informaron os organizadores, doce equipos de toda Galicia confirmaron xa a súa asistencia a este campionato inclusivo, que chega xa ao seu sexto anoconsecutivo.

Sobre as 14.00h terá lugar a entrega de premios, coa presenza de autoridades locais e da Federación.

As persoas (especialmente aquelas con diversidade funcional) que desexen coñecer este deporte dende cerca, poden achegarse á competición, a cuxo término, poderán realizar un paseo en barco ou interiorizarse dos datos que precisen para a práctica da motonáutica ou a obtención da licencia de navegación.