Hortensia Expósito, Tena, homenaxeada nas acto cívico do Alivio 2024. Fotos: Gustavo Rivas

Hortensia Expósito, Tena, homenaxeada nas acto cívico do Alivio 2024 O Concello rende tributo a esta muller emblemática do rural por toda unha vida de loita, traballo duro e superación

O Concello de Tomiño renderá tributo este ano no acto cívico das Festas do Alivio a Hortensia Expósito Martínez, Tena, por toda unha vida de loita, traballo duro e superación. “Ela representa ás mulleres do rural que, sen facer ruído, viviron na adversidade, traballando incansablemente no campo e coidando das súas familias. A súa historia é a memoria viva dunha xeración de mulleres fortes que non sempre foron recoñecidas polo seu sacrificio, pero que son imprescindibles na construción da nosa sociedade”, resalta a alcaldesa, Sandra González.

Nada en 1937 en Vilachán do Monte no tempo da guerra, Tena de pequena viu marchar ás xeracións máis novas camiño da América e foi testemuña de como os rapaces se ían para non regresar e as mulleres eran destinadas a servir en casas alleas e coidar os fillos doutros.

Foi criada no esforzo permanente nunha casa na que nunca faltou o pan a base do traballo e do esforzo de andar no campo, oficio que aprendeu dos seus pais. Ela quedou en Tomiño, coidou deles e criou tres fillos soa. Buscou o pan co que sabía facer, andou ao xornal na casa doutros e sachou tamén moito o monte, como facían as mulleres. Porque foron elas as que tronzaron con cortafogos, de arriba a abaixo, as plantacións de pinos da Forestal; elas as que fixeron quilómetros de regos para meter auga nas casas dende o nacente preto de Pinzás ata as vivendas de Vilachán.

Unha vida de esforzo constante para conseguir pequenas cousas nun lugar no que o clima era áspero. Hortensia, Tena, sinte que non fixo nada destacado, “só o que fixemos todas as mulleres naquela época: traballar duro e tirar adiante”. Rexa, constante, pousada no falar, agora preocúpalle que a súa loita e a de todas as mulleres desa época non sexa unha perda, non por elas, senón polas xeracións que veñen detrás.

Fotos: Gustavo Rivas

Hortensia Expósito, Tena, homenaxeada nas acto cívico do Alivio 2024. Fotos: Gustavo Rivas

Hortensia Expósito, Tena, homenaxeada nas acto cívico do Alivio 2024. Fotos: Gustavo Rivas

 

Programación

O acto cívico en homenaxe a Tena o sábado 14 (21.00 h na Praza do Seixo) e o tradicional concerto da Agrupación Musical de Goián porá o broche de ouro a unha semana chea de vida e actividades para todos os públicos no corazón de Tomiño, todas elas ás 19.00 horas na propia Praza do Seixo.

Deste xeito, a semana comezará o luns 9 de setembro coa actuación de Simplemente Enricco, un mago un pouco peculiar ao que case nunca lle saen os trucos que oculta un experimentado malabarista e equilibrista que realizará complicados e arriscados xogos. O martes 10 será a quenda de Marta Ortiz con ‘Tralará. Contos, obxectos e música’, un espectáculo no que se xuntarán contos de antes e de agora, bailando entre a tradición e a actualidade co ritmo que emana do propio contar da lingua.

O mércores 11 Peter Punk aterrizará na Praza do Seixo con ‘Peor imposible’, unha nova aventura na que o pallaso mantén a súa esencia e humor irreverente no que afrontar o seu fracaso ante o público con moita complicidade. As actividades para toda a familia rematarán o xoves 12 con ‘Peque Disco’, de Moc Moc, un espectáculo no que música, circo e clown mesturaranse para crear unha auténtica disco móbil infantil e familiar.

Como sinala a alcaldesa, “os días de festa do Alivio son unha ocasión moi especial para todo o municipio, xa que unen a todas as parroquias de Tomiño nun ambiente de celebración e comunidade. Estes días representan un momento de encontro no que as rúas énchense de vida, sobre todo pensando nos máis pequenos, para quen preparamos unha programación especial dende o Concello que, por suposto, se complementa co traballo da Comisión de Festas. A súa dedicación desinteresada ao longo de todo o ano fai posible que estas datas sexan un éxito, e por iso merece o noso agradecemento. Por iso, O Alivio sempre será para nós máis que unha festa”.