
22 Out 2018 Canceladas as charlas de Ianire Estébanez, psicóloga vasca especializada en prevención de violencia na adolescencia Tiña previsto dar este xoves 25 varios relatorios ao alumnado do IES de Tomiño e charlas para profesores e ANPAS
O Concello de Tomiño pide desculpas polas molestias ocasionadas e agarda ter a visita da psicóloga en breve, nunha data que será comunicada oportunamente.
Actividades previstas
A actividade, organizada pola Oficina Municipal de Igualdade e financiada pola Deputación de Pontevedra, prevía celebrar as seguintes charlas:
– Para alumnado do IES Antón Alonso Ríos, na Casa de Cultura, os relatorios “Conectamos ben?”, sobre o ciberacoso nas redes sociais, a súa prevención e a resposta colectiva de apoio, e “Enredámonos?”, sobre as redes sociais, as problemáticas que se poden xerar nas relacións de parella, o cibercontrol, a prevención de relacións tóxicas e o empoderamiento.
– Para profesorado e familias interesadas en coñecer as vivencias que se experimentan en relación coas redes sociais, a adolescencia, o sexismo e a violencia nas redes, así como as ferramentas para xestionar e aprender a usar estes espazos, como ferramenta de crecemento tiña previsto dar a charla “Mocidade, redes sociais, ciberviolencia e educación emocional” no Salón de Plenos do Concello.
Esta actividade incluíase nas programadas para o ano 2018 dentro do Programa de Formación e Sensibilización en Igualdade e Prevención da violencia machista, dirixido a menores, mocidade e comunidade educativa do Concello de Tomiño, presentadas dende o Programa Munipal de Igualdade acolléndose a unha subvención da Área de Igualdade da Deputación de Pontevedra.Dinamizadora
A relatora, Ianire Estébanez, é psicóloga, experta en prevención de violencia en adolescentes e novas. Desde hai 10 anos investiga sobre a violencia no noivado e as agresións sexuais, ou o uso das redes sociais para a xente nova, para institucións como Emakunde, Goberno Vasco e o Observatorio Vasco da Mocidade.
Realiza varias publicacións, como guías, cómics, e materiais didácticos. Con ampla experiencia na realización de formacións e charlas (para institucións oficiais, gobernos e deputacións, concellos, centros educativos públicos e privados, e asociacións en todo o territorio español) é bloguera e activista nas redes sociais expondo situacións que enganchan coas realidades cotiás das mozas e mozos en internet. Desde o blog “Mi novio me controla…lo normal” e a iniciativa “Yo ligo, yo decido”, conecta con mulleres novas, utilizando metodoloxías de reflexión próximas ás súas realidades e facilitando procesos de empoderamiento persoal e colectivo.