Inauguradas as xornadas ‘A nova AECT Río Miño dende unha visión comparada: a raia e Europa’. Deputación, Concello e CIM reclaman que os fondos europeos destinados á cooperación transfronteiriza, se concedan para este fin

A alcaldesa de Tomiño asegura que é o momento de avanzar na cooperación fronteiriza e sumar instrumentos para mellorar a vida dos cidadáns de ambas as marxes

A presidenta da Deputación felicita aos 16 alcaldes galegos e 10 portugueses que integran a nova AECT Río Miño, e afirma que os fondos europeos para cooperación e desenvolvemento de zonas fronteirizas deben ser destinados a ese fin

O 5 de maio celebrarase unha segunda xornada en Tui coa mobilidade transfronteiriza como eixo central

 

A Deputación de Pontevedra reúne durante o día de hoxe en Tomiño aos máximos especialistas en Cooperación Transfronteiriza de toda Europa. A xornada, denominada ‘A nova AECT Río Miño dende unha visión comparada: a raia e Europa’, contou na sesión de apertura coa presenza da presidenta da Deputación, Carmela Silva, do deputado provincial de Cooperación Transfronteiriza, Uxío Benítez, do secretario territorial da Xunta, Ramón Pereiro, do director da Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galiza-Norte de Portugal, Rubén C. Lois, do presidente da Cámara de Vilanova da Cerveira e representante do CIM Alto Minho, Joao Fernando Brito Nogueira, e a alcaldesa de Tomiño, Sandra González. Nas intervencións de apertura, tanto a presidenta da Deputación como o representante do CIM e a alcaldesa de Tomiño, coincidiron nunha reivindicación unánime, ao insistir en reclamar que “os fondos europeos destinados a cooperación transfronteiriza sexan destinados realmente á fronteira”.

O obxectivo deste encontro, segundo indicou o deputado Uxío Benítez, “é o de coñecer experiencias exitosas no eido da cooperación entre territorios a nivel peninsular e europeo, para extraer conclusións e poñelas en práctica na AECT Río Miño”. Benítez aproveitou ademais para anunciar que o vindeiro 5 de maio o concello de Tui acollerá unha segunda xornada, cuxo tema central será a Mobilidade Transfronteiriza. Hai que lembrar que a día de hoxe, a Deputación de Pontevedra e a Comunidade Intermunicipal do Alto Minho están á espera da aprobación oficial para a nova AECT do Miño, que busca reforzar as sinerxías existentes entre ambas as beiras do río. Neste sentido, a presidenta do ente provincial, Carmela Silva, salientou que esta Agrupación “deber ser unha ferramenta útil, de desenvolvemento para a veciñanza do territorio da AECT, que cree espazos de oportunidades, que aposten pola creación de emprego, polas infraestruturas e polo medio ambiente”.

Pola súa banda, Ramón Pereiro, insistiu en destacar a “homoxeneidade cultural deste territorio, o que favorece de xeito positivo a iniciativa e constitúe un elemento de unión”. O secretario territorial da Xunta fixo un percorrido polos proxectos de cooperación transfronteiriza que xa existen a nivel galego-portugués, para destacar a importancia deste tipo de iniciativas. Joao Fernando Brito Nogueira puxo en valor a necesidade de “pugnar polos dereitos do noso territorio” en referencia ao destino dos fondos europeos transfronteirizos, e na oportunidade de  “construír a partires da fronteira, coa vontade de ambas beiras do río de que a Agrupación sexa un éxito”. A esta vontade tamén se referiu a alcaldesa da localidade, Sandra González ao sinalar que “en Tomiño ao igual que no resto da raia do Miño levamos moito tempo facendo cooperación, mesmo de xeito intuitivo”. Lembrou, ademais, que Tomiño e Vilanova da Cerveira plasmaron formalmente esta cooperación fai dous anos na Carta de Cooperación Transfronteiriza. Sandra González afirmou que “agora é o momento de dar máis pasos, e esta AECT é o instrumento que nos permitirá avanzar e chegar aos lugares nos que se toman as decisións con voz propia”.

A Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Río Miño, que está en proceso de constitución, inclúe 16 concellos galegos (A Guarda, O Rosal, Oia, Tomiño, Tui, O Porriño, Salceda de Caselas, Salvaterra, Ponteareas, As Neves, Mondariz, Mondariz Balneario, Arbo, Crecente, A Cañiza e Covelo) e dez cámaras do Norte de Portugal (Melgaço, Monçao, Paredes de Coura, Valença do Minho, Vila Nova de Cerveira, Arcos de Valdevez, Caminha, Ponte da Barca, Ponte de Lima, e Viana do Castelo.

A día de hoxe, a Deputación de Pontevedra e a Comunidade Intermunicipal do Alto Minho están á espera da aprobación oficial para a nova AECT do Miño, que busca reforzar as sinerxías existentes entre ambas as beiras do río. As distintas estruturas de cooperación transfronteiriza existentes ata o de agora, así como as iniciativas desenvolvidas nos últimas anos na zona amosan a vontade de traballar en común, de xeito que a AECT vén consolidar esta vivencia. Segundo explica o deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez, “a AECT Río Miño non persigue substituír nin sobrepoñerse a outras estruturas a distintas escalas, senón cooperar con elas co obxectivo de reforzar a presenza do espazo do Miño nos debates sobre a raia”.

Así, no camiño da posta en marcha da AECT galego portuguesa do leito fluvial do Miño, “cremos necesario organizar unha xornada de traballo na que se poidan debater os resultados obtidos ata o momento doutras AECT de maior percorrido. É necesario xa que logo aprender dos logros e tamén das debilidades doutras experiencias que sirvan de guieiro para o lanzamento e primeiros pasos da AECT Río Miño. Por iso, esta xornada pode ser de interese para todas aquelas persoas vinculadas co transfronteirizo, en especial na área do Río Miño”, subliñou Benítez.

Hai que lembrar que nas últimas tres décadas, e sobre todo grazas ás políticas de cooperación territorial e transfronteiriza da Unión Europea, xurdiron no espazo comunitario múltiples estruturas que buscan forxar proxectos territoriais máis alá das fronteiras dos estados-nación. Desde o 2006 foron creándose no contexto ibérico unha vintena de AECT e máis de cincuenta no espazo común. No contexto da raia galaico-portuguesa, están a actuar a Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal e a máis recente Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (AECT-GNP), que son dous referentes da cooperación a nivel europeo.

Nas xornadas organizadas pola Deputación para o venres 21 de abril en Tomiño -en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela e o Concello de Tomiño- estarán presentes Alfonso Rueda, conselleiro da Presidencia da Xunta de Galicia; Fernando Freire de Sousa, presidente da Comissão de Coordenação e Desenvolvemento Regional do Norte de Portugal; Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra; José María da Cunha Costa, presidente do CIM Alto Minho; Sandra González, alcaldesa do Concello de Tomiño; Rubén C. Lois, director da Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal, e Uxío Benítez, deputado provincial de Cooperación transfronteiriza.

Programa xornadas aect