Íñigo Segurola, padriño da XXI Feira de Cultivos do Baixo Miño

Íñigo Segurola, padriño da XXI Feira de Cultivos do Baixo Miño

Íñigo Segurola, padriño da XXI Feira de Cultivos do Baixo Miño

A Praza Pintor Antonio Fernández de Goián acollerá do 8 ao 10 de maio o grande encontro do viveirismo galego cunha programación que combina formación, cultura, innovación e lecer

A Praza Pintor Antonio Fernández de Goián volverá encherse de vida, cor e coñecemento nunha nova edición da Feira de Cultivos do Baixo Miño, que se consolida como un dos grandes escaparates do viveirismo galego. Do 8 ao 10 de maio, Tomiño acollerá un evento que medra ano tras ano e que combina economía, innovación e comunidade para proxectar o territorio cara ao futuro.

A XXI edición contará co paisaxista Íñigo Segurola como padriño, unha figura de referencia no ámbito do deseño de xardíns e da paisaxe, que simboliza a aposta pola calidade e a divulgación do sector verde. Xunto a el, a feira abre tamén a porta a novas formas de comunicación e aprendizaxe co sector coa participación de Nuska Chousa, agricultora e creadora de contido con máis de 100.000 seguidores en Instagram, que achegará a súa experiencia para conectar coas novas xeracións desde unha linguaxe próxima e dixital.

Ademáis das conferencias de Segurola e Chousa, a programación desta edición inclúe máis de 14 obradoiros, dous concertos, dúas sesións vermú, dous espectáculos infantís ou unha nova sesión de micros abertos para artistas emerxentes. O público familiar terá tamén un papel protagonista con propostas como ‘Pinga a pinga’, de Barafunda Animación, centrada no coidado da auga, e ‘Maxia Cómica’ de Troula, dúas compañías de recoñecido prestixio.

A isto súmase unha ampla oferta formativa dos obradoiros, unha das actividades con maior acollida da Feira de Cultivos e polos que a pasada edición pasaron case 200 persoa. A temáticas xa consolidadas, como deseño de xardíns, enxertos, poda, ramo natural ou kokedamas, súmanse tamén novas propostas como o cultivo de cogomelos ou a estampación ecoprint, ademais de actividades infantís como hoteis para insectos e bombas de sementes.

Este ano reforzase ademais a formación coa incorporación dun curso de aplicación de fitosanitarios con certificación oficial para impulsar a cualificación profesional. A feira contará tamén con catro tendas efémeras de venda directa de planta de viveiros locais e un Mercado de Primavera con máis de dúas ducias de artesáns e produtoras.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, resaltou o carácter transformador do evento, xa que “a Feira de Cultivos xa non é só unha cita sectorial, é un espazo onde se mesturan aprendizaxe, innovación e convivencia, e onde o noso territorio se mostra ao mundo coa forza do que somos capaces de facer xuntos”. Pola súa banda, a presidenta de acuBam, Nuria Castro, puxo en valor o crecemento sostido da feira, que “en cada edición demostra que hai interese, participación e futuro. O viveirismo galego ten moito que dicir, e esta feira é a mellor plataforma para amosalo, desde o profesional ata o público máis novo”.

Toda a programación e inscricións poden consultarse en www.feiradecultivos.gal.