Instalada a ponte sobre o río Pego que dará continuidade á senda polo Miño O proxecto, cun orzamento de 65.000 euros, conta coa colaboración do Servizo Provincial de Costas de Pontevedra

O Concello de Tomiño, en colaboración co Servizo Provincial de Costas de Pontevedra, acaba de colocar unha pasarela sobre o río Pego, o que permitirá darlle continuidade á actual senda polo río Miño e perfilar o futuro sendeiro que permitirá comunicar a vila con Tui.

Cun orzamento de preto de 65.000 euros, os técnicos colocaron este martes a ponte e durante os vindeiros días procederán a facer a ancoraxe da pasarela e as probas de carga para comprobar que se compren as normas. A ponte estará operativa a vindeira semana despois de rematar os accesos por ambas beiras da ponte para salvar o desnivel coa senda.

Trátase dunha rota cun alto valor paisaxístico, histórico e turístico da comarca que recupera un antigo sendeiro que a veciñanza leva empregando dende sempre e que percorre a ribeira do Miño. O obxectivo é dar acceso directo ao Miño respectando as directrices marcadas pola Red Natura e poñendo a disposición da cidadanía unha senda co mínimo impacto medioambiental, acondicionado con listóns de madeira e zahorra de canteira e que conte coa sinalización que informe sobre a flora e a fauna da zona.

En total serán uns 10 quilómetros de sendeiro que porán en valor o patrimonio medioambiental do concello de Tomiño e permitirá aos veciños e veciñas percorrer un espazo idóneo para a práctica do exercicio deportivo.