José Ramón Álvarez, xefe da Policía Local de Tomiño, condecorado polos seus 32 anos de servizo e dedicación

José Ramón Álvarez, xefe da Policía Local de Tomiño, condecorado polos seus 32 anos de servizo e dedicación O Concello ofreceu unha recepción ao axente, que recibiu o distintivo de permanencia xunto a outros 126 policías locais de toda Galicia

Toda unha vida dedicado a facer de Tomiño un lugar seguro. O xefe da Policía Local tomiñesa, José Ramón Álvarez Riveiro, Chiño, era condecorado hai uns días polos seus máis de 32 anos de servizo e dedicación, un distintivo de permanencia que recibía nunha gala na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) na Estrada xunto a outras e outros 126 profesionais galegos que levan máis dun cuarto de século sempre na primeira fila velando pola seguridade da veciñanza das súas localidades.

Un distintivo que para Álvarez supón “todo un orgullo, porque é un recoñecemento de todo o tempo que levas desempeñando o teu traballo con actitude e responsabilidade. Son máis de 32 anos sen incidentes, esta condecoración indica que mal de todo non o estaremos facendo”, explica cheo de ledicia.

Un traballo de proximidade, no que o coñecemento da veciñanza e do territorio é fundamental e que foi mellorando de forma progresiva. “Eu levo desempeñando toda a miña vida profesional en Tomiño. Pero os tempos mudaron. Antes aprobabas unhas oposicións, poñías o uniforme e saías directamente á rúa a traballar, sen apenas experiencia, coñecementos e formación. Agora todo iso mudou e as novas xeracións están moi ben preparadas”, lembra Álvarez, que leva 26 anos ao fronte da xefatura da Policía Local de Tomiño.

Tras tantos anos, Álvarez recoñece que repetiría. “Para min é unha vocación e unha responsabilidade vir cada día a traballar con gañas e ilusión. E recoñecementos como este non só son moi gratificantes, senón que tamén son o respaldo a toda unha traxectoria profesional”, asegura.

José Ramón Álvarez, xefe da Policía Local de Tomiño, condecorado polos seus 32 anos de servizo e dedicación

O Goberno local quixo sumarse a este recoñecemento cunha recepción na Casa do Concello coa que “darlle os parabéns e agradecer a súa vocación, esforzo, dedicación e compromiso con Tomiño”. Neste encontro a alcaldesa, Sandra González, tamén quixo estender a súa felicitación “a todo o conxunto de axentes locais que se implican e que cada día velan pola seguridade da nosa veciñanza.