José Souto, gaña a primeira edición dos Premios Xardín Galego Sven Dieter, paixasista alemán residente en Galicia dende hai 20 anos, obtén o segundo galardón

O paixasista José Souto foi o gañador da primeira edición dos Premios Xardín Galego, un galardón posto en marcha pola Asociación de Cultivos do Baixo Miño (acuBam) e a Asociación Galega de Empresa de Xardinería (Agaexar) para recoñecer e difundir actuacións exemplares en traballos de xardinería pública e privada realizados por empresas e autónomos de Galicia, dignificando e promocionando o sector da xardinería na comunidade autónoma. “Para min é  unha honra gañar este concurso. O meu estilo é o xardín inglés e sen eses produtos que me achega o Baixo Miño non tería a evolución que tivo o meu traballo neste tempo. É un orgullo non só pola parte de deseñador, senón tamén como consumidor de produtos da contorna”, salientou.

Sven Dieter, paixasista alemán residente en Galicia dende hai 20 anos, foi o gañador do segundo premio deste certame cunha terraza feita en Lugo para unha empresa que tiña “un espazo que non se utilizaba para nada e que querían converter nunha entidade verde  dentro da empresa para uso de traballadores e traballadoras, sostible no tempo e cun mantemento case autónomo”.

“Esperamos que esta primeira edición sexa o comezo de moitas máis”, asegurou Óscar Vaquero, membro de acuBam, durante a entrega dos premios este sábado 16 na 16ª Mostra de Cultivos do Baixo Miño, organizada de forma conxunta por acuBam e o Concello de Tomiño e que estará aberta ao público profesional e xeral ata o domingo 17 no pavillón municipal de Goián. Durante o acto, Víctor Pérez, presidente de Agaexar, presentou a segunda edición dos premios, nos que de novo valoraranse os traballos que dean prioridade ao uso de material vexetal fronte a materiais inertes, nos que teña preferencia o material vexetal producido en Galicia e criterios de sustentabilidade aplicados á obra, así como o deseño, creatividade, orixinalidade ou composición vexetal, combinación de especies, textura e cor.

As persoas interesadas poderán presentar os seus traballos ata o 31 de decembro de 2019, un único traballo por participante, enviando ao correo electrónico info@agaexar.gal a ficha cos datos do candidato, a declaración escrita que garanta a autoría da obra presentada, fotografías xerais e de detalle co antes e o despois da intervención e unha memoria descritiva do proxecto realizado. O gañador ou gañadora darase a coñecer durante a celebración da vindeira edición da Mostra, en 2020.



X