A 16ª Mostra de Cultivos visibiliza a agricultura profesional, moderna e sostible do Baixo Miño Numerosas autoridades, presentes na inauguración oficial desta edición

“A agricultura é o camiño que garante o futuro”. Así de contundente se amosou a presidenta da Asociación de Cultivos do Baixo Miño (acuBam), Patricia Rodríguez, durante a inauguración oficial da 16ª Mostra de Cultivos, unha edición na que se apostou por tomar como eixo central a sostibilidade social, económica e medioambiental. “As nosas empresas son modelos de adaptación natural ao medio, porque somos conscientes de que como en calquera actividade que realiza o ser humano  hai que realizar un aproveitamento dos recursos dos que dispomos xerando beneficios para todos e causando o menos impacto posible”, recalcou ante o público e autoridades asistentes e resaltou a importancia de romper “estereotipos negativos que chegan aos nosos días” e “sacar á luz a profesionalidade deste sector, a calidade de produción, o impacto positivo que exerce na contorna e os beneficios que achega ás vidas de todos e cada un de nós”.

Rodríguez quixo resaltar a importancia de transmitir a realidade so sector, algo “clave para garantir a convivencia, o relevo xeracional nas nosas empresas, para garantir rurais vivos e, sobre todo, para garantir xentes orgullosas do seu rural”. “Gracias a todos os valentes que fostes capaces de crer nunha agricultura profesional, moderna, rendible e viva, de crer que era posible crear un tecido empresarial baseado na agricultura sostible e que era posible crealo no Baixo Miño”, salientou a presidenta de acuBam. Rodríguez fixo fincapé no papel das asociacións dentro desta realidade, entidades que “non son capaces de resolver a totalidade dos problemas aos que se enfrontan os sectores, pero si son unha ferramenta valiosísima para sumar, para mellorar, para cooperar, para fomentar a colaboración e para que se escoite a voz do sector”.

Unha voz que foi escoitada polo numeroso público e as autoridades presentes durante a inauguración, como o Director Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Xunta de Galicia, José Balseiros; a presidenta da Deputación da Pontevedra, Carmela Silva; o delegado da Zona Franca de Vigo, David Regades; a alcaldesa de Tomiño, Sandra González; a alcaldesa de O Rosal, María del Carmen Alonso; o alcalde de A Guarda, Antonio Lomba; ou o presidente de Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Fernando Nogueira, entre outras personalidades.

O agro, unha aposta estratéxica

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, asegurou que ano a ano a Mostra “consolidouse como a feira máis importante do sector en Galicia” sumando este ano “un toque transfronteirizo” grazas á Eurocidade Cerveira-Tomiño e a súa “aposta interesantísima polo traballo e o futuro, buscando novas solucións de empregabilidade e formación e, en definitiva, melloras para o sector”. Con récord de expositores; accións de responsabilidade social; actividades para público profesional, xeral e para toda a familia… a Mostra de Cultivos amosa unha vez máis “a súa conexión social”. A alcaldesa recordou que en Tomiño “o sector agro é unha aposta estratéxica dende hai moito tempo” e ofreceuse á Xunta como “territorio experimental de proba do funcionamento dos bancos de terra, que permitan poñer a terra a disposición da xente que queira traballala” e así traballar polo futuro e pola calidade de vida no rural.

O Director Xeral de Gandaría, Agricultura e Industria Agroalimentaria da Xunta de Galicia, José Balseiros, recoñeceu que a Mostra de Cultivos “identifica claramente que no agro non todo é gandería. Soamente Tomiño xa acolle o 20% dos viveiros de toda Galicia e no Baixo Miño somos líderes en produción de kiwi, rosa, rhododentro…”, explicou Balseiros, quen recalcou que “temos motivos, territorio, clima e persoas formadas para seguir crecendo”.

Pola súa banda, o delegado da Zona Franca, David Regades, comprometeuse a seguir traballando da man con este sector, convencido de que “a única forma de afianzar poboación no rural é con proxectos e servizos”. Unha idea sobre a que tamén falou a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, quen fixo fincapé en que “temos un serio problema de despoboamento e para loitar contra el hai que xerar unha economía competitiva que nos permita situarnos a nivel internacional”. Silva tamén quixo resaltar a relación transfronteiriza desta Mostra, que demostra que “as fronteiras teñen que ser espazos para encontrarnos”, e o papel da muller no sector na contorna, xa que representan ao 80% das persoas traballadoras: “Elas son o corazón e a sangue que bombea a economía do agro no Baixo Miño”.

Motor do desenvolvemento sostible no Baixo Miño

A Mostra acolleu tamén neste segundo día unha xornada para poñer en valor o agro como motor económico do desenvolvemento sostible transfronteirizo, que contou coa presenza de expertos e expertas de Galicia e Portugal para abordar o marco da sostibilidade, a economía agraria e o seu desenvolvemento no contexto transfronteirizo e boas prácticas e impactos sociais, económicos e ambientais do sector no territorio.

Consciente do seu peso na economía da comarca, o sector agro do Baixo Miño leva moitos años esforzándose por converterse en motor de desenvolvemento sostible, tanto a nivel ambiental como económico e social. Por este motivo, as empresas do sector levan tempo implementando sistemas de optimización enerxética e de recursos, empregando novas tecnoloxía ou usando recursos endóxenos e clones autóctonos adaptados ás condicións da comarca, o que permite poñer en valor o produto tanto a nivel agronómico como económico.

Pero esa sustentabilidade medioambiental debe camiñar da man cun futuro económico prometedor e coa capacidade de xerar emprego de calidade e profesionalizado, así como con accións de responsabilidade social, que nestes intres xa se están a levar a cabo a través de colaboracións con entidades como a Asociación San Xerome Emiliani.