Laura Calvo gaña o concurso “Que é para ti a OMIX de Tomiño” O debuxo da alumna de 1º de Bacharelato do IES Antón Alonso Ríos será serigrafiado en centos de bolsas de tea

Laura Calvo é a flamante gañadora do concurso “Que é para ti a OMIX de Tomiño”. O debuxo da alumna de 1º de Bacharelato do IES Antón Alonso Ríos alzouse co premio xunto unha frase que para ela define a Oficina Municipal de Información Xuvenil, un espazo que traballa na “procura do desenvolvemento da nosa xuventude”. 

A alcaldesa, Sandra González, destaca o traballo de Laura Calvo e de todas as persoas que participaron neste concurso. “Todas e todos reflexaron moi ben a importancia da OMIX no noso concello”, lembra a alcaldesa, ao tempo que engade que agora o debuxo será serigrafiado en centos de bolsas de tea que van ser repartidas entre todo o alumnado do instituto “cunha gran sorpresa e agasallos no interior”.