Luís Fernández, piragüista dos Teixugos, consegue o bronce esta fin de semana, na 3ª Copa de España de Slálom

Esta fin de semana celebrouse a 3ª Copa de España de Slálom na canle olímpica da Seu D´Urgell. A expectación e participación foron máximas, xa que as probas formaban parte do selectivo nacional para os equipos Júnior, Sub-23 e sénior. O Club Deportivo Miño acudiu nesta ocasión con 5 piragüistas.

En C1 sénior,  Luís Fernández foi o terceiro clasificado, obtendo por tanto a medalla de bronce. Luís gañou tamén nesta competición o dereito a participar nos selectivos que se celebrarán a semana que vén, na canle da localidade francesa de Pau, e no que ten moitas posibilidades de entrar tanto no equipo  sub-23, como no sénior. Nesta mesma categoría, Brais Castro rematou sexto, un bo posto, tendo en conta que é o seu primeiro ano nela.

Andrea González rematou décimo primeira en K1 sénior, e Ariadna Pereira foi oitava en K1 cadete.

Manuel Ochoa rematou décimo primeiro na categoría K1 sénior, a máis numerosa da competición.

Na clasificación xeral por equipos, que gañou o Cadí Canoe Kayak, club local,  o Club Deportivo Miño rematou na novena posición. O mellor club galego foi o Penedo (Caldelas de Tui), na sexta posición.

 

Informa: Rosa Fernández Carrera