Máis de 1.700 persoas desfilarán no tradicional Venres de Foliada de Tomiño

Máis de 1.700 persoas desfilarán no tradicional Venres de Foliada de Tomiño O Concello activará un amplo dispositivo de seguridade e a Policía Local cortará varias rúas do centro para o desenvolvemento da actividade

Últimos detalles para que todo estea listo para a celebración en Tomiño do tradicional Venres de Foliada, que este venres 17 de febreiro congregará a miles de persoas polas rúas do concello. Con 20 comparsas inscritas para participar nesta agardada cita co Entroido, máis de 1.700 persoas desfilarán a partir das 21.30 horas pola rúa Gondomar dende o CEP Pedro Caselles ata A Pedra coas treboadas tomiñesas abrindo camiño.

“Despois de dous anos de pandemia fainos moita ilusión poder gozar do Venres de Foliada con total normalidade. É un orgullo ver este respaldo de participación e comprobar que o noso entroido segue a ser un evento fundamental nestas datas e que dá o pistoletazo de saída ás actividades en toda a comarca”, destaca a alcaldesa, Sandra González. Para a rexedora, o desfile “é un reclamo ao que cada vez acode máis xente interesada en participar nun evento de lecer que serve tamén para dinamizar a economía e a hostalaría local grazas a todas esas persoas que veñen dende moitos puntos da provincia a desfrutar con nós desta festa”.

Este ano entre as 20 comparsas participantes destacan as tres tomiñesas, Revolution Show, Asociación Comparsa Luces de Tomiño e Asociación Cultural Ciklón. Dende o Concello agradécese a todas elas o esforzo e esforzo realizado durante moitos meses para deslumbrar ao público coas súas propostas. Lémbrase tamén a outra das grandes formacións tomiñesas que este ano non sairá ás rúas, Estrelas da Noite, agardando poder contar con ela en vindeiras edicións.

O goberno municipal quere tamén agradecer aos voluntarios de Protección Civil, á Policía Local e ás e aos traballadores do Concello o gran labor que desenvolven durante toda esta xornada para garantir a seguridade do desfile e que o público poida desfrutar do evento sen contratempos. Ademais, a Policía Local porá en marcha un amplo dispositivo para a reordenación do tráfico tras o peche de varias rúas para a celebración do desfile.