
26 Set Máis de 3000 persoas visitaron o Bio-mercado de Tomiño, o dobre que na primeira edición
- No interior do mercado municipal, os praceiros ofreceron degustacións de produtos ecolóxicos
- Os obradoiros e actividades complementarias espertaron tamén moito interese
Máis de 3000 persoas (o dobre que na primeira edición) visitaron o segundo Bio-Mercado celebrado este domingo en Tomiño, na céntrica Praza do Seixo e dentro do mercado municipal, con máis de setenta postos de comida saudable, artesanía, cosmética, horta ecolóxica, mel, plantas e un longo etcétera. Ademais, os praceiros do Mercado Municipal ofreceron degustación de tapas e pinchos a prezos populares, logrando un cheo absoluto por parte do público.
Carlos Rodríguez, coordinador do evento, explicou que nesta segunda edición se priorizou a oferta gastronómica, aumentando o número de postos de comida, aínda que tamén houbo artesanía, antigüidades, produtos de segunda man, etc.
Coma novidades, sumáronse tamén postos de horta e plantas, mel, polbo, cosmética natural, cervexa artesá, demostración de cociña vegana e con especias; curso infantil sobre cultivo de horta, etc.
Por outra parte, o bio-mercado contou cunha vertente lúdica e de actividades moi interesantes para adultos e público infantil, como as relacionadas co mundo ECO, que complementaron a celebración, así coma un espectáculo de maxia, sesión de Zumba, etc.
Dúas mostras puxeron a nota cultural e divulgativa á xornada do domingo: exposición de fotos antigas de Tomiño, no primeiro andar do mercado, e de minerais, na planta baixa.