Tomiño oferta un novo curso de monitor de lecer e tempo libre

Máis de cen nenos e nenas finalizaron hoxe o campamento urbano cunha gran festa Tamén os 40 inscritos no campus de skate recibiron este mediodía o seu diploma acreditativo

Un centenar de nenos e nenas finalizaron hoxe a súa experiencia de varias semanas no campamento urbano organizado polo Concello de Tomiño dentro das actividades de verán. Para celebrar a clausura do campus, no que todas as mañás deste mes, debuxaron, aprenderon, fixeron manualidades, xogos cooperativos, lecturas, etc., celebrouse unha gran festa na que non faltaron obradoiros de globofexia, máscaras e xogos populares.

Coordinados pola psicóloga Andrea Iglesias, dez monitores, acompañaron aos pequenos e pequenas ao longo da actividade. Ademais dos temas propios dun campamento, trabállaronse conceptos trnasversais coma o xénero, a reciclaxe, o coidado do medio, a violencia, as habilidades sociais, os hábitos saudables.

Este ano como novidade, abriuse ademais un aula matinal a partir das 8 da mañá, pensada para as familias traballadoras.

Outra innovación foi a inclusión dun tempo de lectura e xogos de estimulación cognitiva, estratexias de aprendizaxe e relacionais, achegados polo departamento de Educación Familiar.

Nesta nova edición del campamento, dedicada especialmente á creatividade, a arte e a cultura, confecciónáronse moitas manualidades, entre elas, un mural con instrumentos musicais pintados con ceras, aínda que o que máis lles gustou foron os xogos libres, de auga, etc.

Skate

Tamén rematou hoxe o Campus de Skate desenvolto nas pistas municipais do Campo da Feira. Sobre as 12.30h recibían os seus diplomas os corenta participantes, nenos e nenas de entre 5 e 18 anos que, dirixidos por tres monitores/as, “surfearon o asfalto” dun xeito lúdico e práctico. A través desta actividade, os/as participantes aprenderon trucos básicos para principiantes e tamén a mellorar e depurar técnicas para os xa iniciados.

O sábado pasado rematou tamén o campus de fútbol, e seguen desenvolvéndose os de tenis e padel, con máis de 50 persoas apuntadas. As pistas da Área Deportiva do Mosteiro, anexas ao colexio Pedro Caselles, arranxadas polo Concello, son as que acollen estas actividades. Neste sentido, hai que mencionar tamén dúas pistas polivalentes (balonmán, baloncesto, fútbol, etc.), cuxo arranxo vén de rematarse cun investimento superior aos 20.000 euros, e que se suman as instalacións da área do Mosteiro, onde o mes de agosto celebraranse os campus de balonmán e atletismo.

En Goián comezará o campamento musical o día 19 de agosto. Poden consultarse todas as datas e horarios, e tamén inscribirse, na páxina web do Concello (tomino.gal).

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, salienta o carácter amplo e inclusivo das actividades de verán, deseñadas pensando en ofrecer alternativas para todos os públicos e, ao mesmo tempo, colaborar na conciliación  da vida laboral e familiar.