Manolo Álvarez, homenaxeado no acto cívico das Festas do Alivio 2025

Manolo Álvarez, homenaxeado no acto cívico das Festas do Alivio 2025

Manolo Álvarez, homenaxeado no acto cívico das Festas do Alivio 2025

O Concello de Tomiño rende tributo a este veciño por toda unha vida de compromiso e traballo polo ben común

Hai nomes que non precisan titulares para ser lembrados, persoas que co seu esforzo silencioso deixan unha pegada fonda na vida dun pobo. Este ano, o Concello de Tomiño quere recoñecer unha desas figuras imprescindibles: Manuel Álvarez Álvarez será o homenaxeado no acto cívico das Festas do Alivio 2025 por toda unha vida de compromiso e traballo polo ben común.

Nado en San Benito en 1954, Manolo é un exemplo de constancia, humildade e compromiso comunitario. Traballador incansable na construción, a súa vida estivo sempre vencellada ao ben común: da súa longa implicación en comisións de festas ata chegar ás da Virxe do Alivio ao labor fundamental á fronte da traída de augas Tomiño–Forcadela, campos nos que sempre apostou pola modernización para mellorar os servizos e o ofrecido á veciñanza, froito do esforzo compartido e da súa dedicación altruísta.

“Homenaxear a Manolo é homenaxear a todas esas persoas que traballan en silencio polo benestar da súa comunidade. A súa vida é un exemplo de xenerosidade, esforzo e compromiso, e representa os valores que queremos poñer en valor nas Festas do Alivio: identidade, convivencia e orgullo compartido”, subliña a alcaldesa de Tomiño, Sandra González.

A rexedora destacou tamén a importancia de recoñecer publicamente o labor veciñal, xa que “persoas como Manolo fan posible que Tomiño sexa o que é hoxe: un concello vivo, unido e solidario. O seu traballo lembra que o común é responsabilidade de todas e todos e que a mellor herdanza que podemos deixar é o exemplo”.

O acto cívico do sábado será, pois, unha ocasión para recoñecer en vida a quen deu e segue dando tanto polo seu concello. Porque grazas a persoas como Manolo, a auga segue a manar, as festas seguen a brillar e Tomiño medra co espírito colectivo que nos define.

A homenaxe será o momento máis emotivo dunha semana chea de actividades que rematará o sábado 13 de setembro ás 21.00 horas na Praza do Seixo co acto cívico e o tradicional concerto da Agrupación Musical de Goián, que porán o broche de ouro a unhas festas vivas e participativas.

Tríptico completo do homenaxeado.

Fotos: Gustavo Rivas