Mil cincocentos nenos e nenas dan o visto bo á programación infantil de Nadal e Reis en Tomiño Tanto as actividades de Nadal coma as de Reis, contaron co apoio decidido da cidadanía

As actividades de Nadal e Reis organizadas polo  Concello de Tomiño gozaron de total aceptación por parte da cidadanía. Especialmente dirixidas a público infantil e familiar, as diferentes propostas realizadas dende a Concellería de Cultura, contaron co apoio de máis de 1500 nenos e nenas; un total que sen contar o número de adultos e acompañantes, é considerado un moi bo resultado polos organizadores. “Estamos moi contentos polos niveis de participación acadados, que superan cada ano o anterior”, recoñece a concelleira Cristina Martínez, responsable da área de Cultura.

Tamén foi maior a cantidade e diversidade de eventos organizados, consistentes en obradoiros, contacontos e obras teatrais, en Nadal, e xogos, inchables, obradoiros e cabalgata, en Reis.

Os obradoiros e contacontos, a cargo de Migallas Teatro, foron catro días 26 ao 29 de decembro, de 17 a 19 horas, no primeiro andar do Mercado Municipal. A inscrición previa permitiu contabilizar algo máis de 40 nenos e nenas, a partir de 3 anos, en cada un dos obradoiros. No contacontos do día 29, con historias próximas aos máis cativos e cativas, que participaron de forma activa no seu desenvolvemento e desenlace, superáronse as cen persoas.

Tamén a obra “Os tres porquiños”, de Educateatro Producións, logrou encher sen problemas as 330 butacas do auditorio de Goián, con 127 nenos e nenas e 203 persoas adultas.

Por outra banda, os xogos, inchables e obradoiros realizados debaixo dunha carpa na Praza do Seixo, entre os días 2 e 4 de xaneiro, atraeron exactamente a 595 pequenos e pequenas, mentres que máis de 450 foron os que se achegaron o día 5 de xaneiro para saudar aos Reis Magos, tras a gran cabalgata.

Coma novidade, este ano contouse coa presenza da asociación Avelaíña para persoas con discapacidade, que trouxeron unha colección de chapas, colgantes e broches.

A concelleira de Cultura agradece ao persoal municipal o traballo realizado para que todos os eventos puideran realizarse sen incidencias e con toda normalidade.