28 Set Milu Rodríguez e Eduardo García, do Club Trega de Tomiño, proclámanse campións galegos no Campionato Máster ao aire libre A proba celebrouse o pasado sábado en Pontevedra despois de varios meses sen competicións pola situación sanitaria
Fantástica fin de semana para os deportistas tomiñeses. Os atletas da Sociedade Atlética do Trega volveron ás pistas con grandes resultados despois de meses sen competicións pola situación sanitaria baixo as máis estritas medidas de seguridade. Foi o pasado sábado no XXXIII Campionato de Galicia Máste ao aire libre celebrado en Pontevedra, no que Milu García e Eduardo García se proclamaban campións galegos e conseguían un total de tres medallas de oro para o club tomiñés.
A guardesa Milu Rodríguez conseguía unha vez máis o título de campioa galega Máster 40 na proba de 5.000 m marcha mellorando a súa marca mínima cun crono de 28’26’’72. Pola súa banda, Eduardo García conseguía proclamarse campión galego M45 por partida dobre: na proba de 800 ml, onde entrou claramente en solitario cun tempo de 2’05’’04, e nos 400 ml, onde impuxo un forte ritmo de carreira dende a saída e entrando na liña de meta en solitario cun rexistro de 55’’76.
Dende a directiva do club destacan que as enormes marcas establecidas por estes dous deportistas demostran “a enorme calidade que ten o Baixo Miño, porque lideran os rankings autonómicos das diferentes disciplinas”.
Pola súa banda, o Club Deportivo Miño-Teixugos participou este domingo na última e máis importante das probas da Liga Galega de Promoción de Slálom en augas do río Tea, ata onde acudiron 9 deportistas do club das categorías benxamín, alevín e infantil. O resultado foi un quinto posto por equipos e catro medallas individuais: Leila Álvarez acadou ouro en K1 Muller Benxamín; Nerea Álvarez, prata na mesma categoría; Alejandro Barreiro, bronce en K1 Home Benxamín; e Javier Llucha, bronce en K1 Home Alevín.
Uns bos resultados que foron acompañados dunha gran xornada na que nenos e nenas practicaron deporte con seguridade e ao aire libre e desfrutaron dun día de convivencia e amizade con rapaces e rapazas de toda Galicia.
A Concellería de Deportes do Concello de Tomiño quere felicitar aos deportistas destes dous clubs polo gran labor que están a facer, valorando moi positivamente o seu esforzo e animándoos a seguir traballando para acadar futuros logros.