Miriam Leirós achega unha ollada sostible á VIII Semana da Educación de Tomiño

Miriam Leirós achega unha ollada sostible á VIII Semana da Educación de Tomiño Coordinadora de Teachers for Future en España, que integra a máis de 2.000 docentes, a profesora e educadora ambiental afondará na educación ecosocial o vindeiro mércores 8 de febreiro

Aberta a inscrición para participar nestas xornadas de balde que se desenvolverán do 6 ao 9 de febreiro no auditorio de Goián

Hai catro anos un grupo de profesoras e profesores comezou un blog para compartir inquietudes e experiencias sobre docencia relacionada co medio ambiente e o cambio climático. Ao calor das folgas escolares impulsadas dende Suecia por Greta Thunberg, ese blog serviu de semente para a creación de Teachers for future en España, hoxe o principal nodo europeo xunto ao sueco destes mestres e mestras preocupados polo futuro, con máis de 2.000 docentes implicados. A súa coordinadora, Miriam Leirós, estará o vindeiro mércores 8 de febreiro na VIII Semana da Educación de Tomiño para afondar na importancia da educación ecosocial, unha nova forma de educar a través dunha ollada sostible e xusta a nivel global.

“Ninguén imaxinaba unha guerra en Europa no século XXI. E igual de inverosímil resulta a negación da ciencia. En cambio, dende certos redutos da sociedade trátase de ocultar evidencias científicas sobre como a destrución medio ambiental non só dana a contorna, senón tamén á sociedade, creando desigualdade”, explica Leirós. A docente, fronte “a esa educación competitiva e individualista que leva á destrución da sociedade como rede interdependente, a educación ecosocial considera as relacións entre as persoas e os hábitat na procura do coidado e protección para o ben común, ensinando a sopesar consecuencias para cooperar como sociedade”.

“O mundo está en cambio constante e nós como sociedade debemos adaptarnos en todos os campos, tamén na educación. Nunha situación de cambio climático como na que nos atopamos abordar a concienciación e o coñecemento do medio ambiente dun xeito integral xa dende pequenos e pequenas é fundamental, por iso é un tema que tiñamos que abordar dende a nosa Semana da Educación”, salienta a alcaldesa, Sandra González.

Mestra de primaria e educadora ambiental, Miriam Leirós é experta en xestión social do hábitat e deseño participativo. Colabora na sección de medio ambiente de ‘El Asombrario-Público’ e no ‘Diario de la Educación’ e é autora do libro de contos ambientalistas ‘Los secretos de los cuentos clásicos’. Leirós é ademais integrante do grupo de expertos independentes da Asemblea Cidadá para o Clima de España.

O Concello organiza por oitavo ano consecutivo a Semana da Educación de Tomiño, xornadas de balde que se celebrarán do 6 ao 9 de febreiro no auditorio municipal de Goián. As persoas interesadas en asistir e recibir certificado de asistencia poden inscribirse xa a través da web municipal. Para apoiar a conciliación e facilitar a asistencia de pais e nais, haberá servizo de canguraxe gratuíto para as persoas que o precisen dende o inicio ata o finalo das charlas.