Mozas de Tomiño reclaman en Santiago, a creación dun consello autonómico de participación infantil e adolescente Nerea Alén, de Voces Novas, pide fomentar o feminismo nos colexios e unha baixa de paternidade igual á de maternidade

No marco do VI Foro de Participación Infantil no Parlamento Galego, celebrado hoxe en Santiago, integrantes do Consello da Infancia e Adolescencia “Voces Novas” de Tomiño, manifestáronse a favor dunha maior igualdade entre homes e mulleres e pediron ao Goberno medidas para loitar contra o machismo e a violencia de xénero.

Acompañadas pola alcaldesa Sandra González, trasladaron as súas valoracións e propostas sobre a realidade que perciben a nivel local, autonómico e estatal, sen deixar atrás aquilo que lles preocupa sobre os dereitos da infancia e a adolescencia noutros países do mundo.

Xunto a representantes doutros consellos da infancia e adolescencia de Galicia, as mozas, abordaron cuestións recollidas no Manifesto de Oviedo elaborado o pasado mes de maio no V Encontro Estatal de Consellos de Participación Infantil e Adolescente, no que se deixa constancia das preocupacións e propostas da infancia e adolescencia de ao redor de 170 Cidades Amigas da Infancia de España, entre as que se atopa Tomiño. Estas preocupacións relaciónanse con ámbitos tales como as redes sociais e o ciberbullying, as identidades e diversidade, a educación, a igualdade de xénero, a protección, o cambio climático ou o modelo de coidados.

“Fomentemos ou feminismo nos institutos e colexios, eliminemos vos libros de texto nos que hai só homes e fagamos que a baixa de paternidade sexa igual que a de maternidade” reclamou dende a tribuna Nerea Alén. Asemade, a moza tomiñesa instou os responsables alí presentes a facer realidade a creación do Consello autonómico de Participación infantil e adolescente, como mecanismo que posibilite o exercicio do dereito a opinar e ser escoitados máis aló do ámbito local.

O pleno infantil celebrado no Pazo do Hórreo contou coa intervención de alumnado o IES Xelmírez I, CPR Manuel Peleteiro, CPR La Salle e CPR Santa Apolonia; e de integrantes dos consellos locais de participación infantil e adolescente dos concellos galegos adheridos  á iniciativa Cidades Amigas da Infancia liderada por Unicef Comité Español (Castrelo de Miño, Tomiño, Ourense, Teo, Moeche, O Porriño, Cabanas, Carnota e Redondela).

O vicepresidente do Parlamento, Diego Calvo, foi precedido no uso da palabra pola presidenta de Unicef Comité Galicia, Myriam Garabito. Tamén asistiron integrantes da Mesa da Cámara, así como respresentantes dos grupos parlamentarios e a directora xeral de Familia da Xunta.