Mulleres de Tomiño intercambiarán cartas con reclusas de Cáceres nun proxecto piloto de comunicación e reinserción social A actividade comezará a levarse a cabo tras a sinatura dun convenio coa Secretaría de Institucións Penitenciarias e pretende promover un exercicio de resiliencia para reducir os efectos negativos de estar privadas de liberdade

A Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias (Dirección Xeral de Execución Penal e Reinserción Social) vén de dar o visto bo para asinar un convenio co Concello de Tomiño para levar adiante o proxecto piloto “PALABRAS LIBRES PARA MULLERES PRESAS”.

A actividade, organizada pola Oficina Municipal de Información Xuvenil de Tomiño consistirá  nun intercambio de cartas entre mozas (a partir de 18 anos) e mulleres interesadas de Tomiño con reclusas do Centro Penitenciario de Cáceres. 

“Como institucións públicas temos que traballar para tentar mellorar a vida privada das persoas e así nace o proxecto “Palabras libres para mulleres presas”, co que queremos promover o intercambio de cartas entre reclusas e o mundo exterior”, explica a concelleira de Mocidade, Fátima Rodríguez.

Así, tras a firma do correspondente convenio, poderá comezar o intercambio epistolar. Deste xeito, as participantes poderán ver máis aló dos muros da prisión a través dos ollos doutras mulleres. “Utilizando  palabras as persoas poden mostrar os seus sentimentos, demostrar as súas ganas de aprender, mellorar as súas habilidades sociais, adestrar a súa empatía, estrear unha nova amizade epistolar”, comenta a concelleira, aclarando que será posible compartir fotografías, pinturas, poemas, libros, música, etc.

O proxecto pretende promover un exercicio de resiliencia para reducir os efectos negativos a nivel psicosocial de estar privada de liberdade. “Nesta época de pandemia mundial na que estivemos confinadas é máis fácil empatizar coa situación das persoas privadas de liberdade, cumprindo así outro dos obxectivos da iniciativa; sensibilizar á sociedade sobre este colectivo”, apunta Rodríguez.

Este intercambio de cartas é unha estratexia que busca moito máis que a lectura e a escritura a partir dunha verdadeira necesidade comunicativa. Traballar en conxunto os xuízos e prexuízos desde un punto de vista crítico a través da creatividade, a comunicación e a literatura. promover unha mellor reinserción social.