Música do século XX para facer vibrar unha das grandes xoias do románico de Tomiño

Música do século XX para facer vibrar unha das grandes xoias do románico de Tomiño

Música do século XX para facer vibrar unha das grandes xoias do románico de Tomiño

O ciclo Música&Románico regresa este venres 24 á igrexa de Santa Maria de Tebra co concerto do sexteto Medinukai Ensemble

A arquitectura do século XII da Igrexa de Santa María de Tebra converterase de novo no mellor escenario para descubrir a riqueza da música de cámara. O Concello de Tomiño celebra este venres 24 de xullo, ás 20.30 horas, unha nova cita do ciclo Música&Románico, unha iniciativa que nace coa vocación de achegar a música de calidade a algúns dos templos románicos máis emblemáticos do municipio, poñendo en valor o seu extraordinario patrimonio histórico e artístico.

Nesta terceira proposta do programa este verán será a quenda de Medinukai Ensemble, un sexteto de vento madeira creado en 2023 no Centro Superior de Música do País Vasco (Musikene). A formación, integrada por frauta e frautín, óboe, dous clarinetes, trompa e fagot, destaca pola súa singular combinación instrumental, que lle permite explorar unha ampla riqueza tímbrica e interpretar un repertorio pouco habitual de música de cámara do século XX.

Como salienta a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, “Música&Románico é moito máis ca un ciclo de concertos, é unha maneira de redescubrir o noso patrimonio a través da cultura e de abrir ao público espazos de enorme valor histórico desde unha perspectiva diferente”. A rexedora destaca tamén que “a excelente acollida das primeiras actuacións confirma que existe un interese crecente por propostas que combinan música de calidade e patrimonio. Queremos que a veciñanza e as persoas que nos visitan vivan experiencias únicas en lugares que forman parte da nosa identidade”.

Impulsado polo Concello de Tomiño, Música&Románico percorre ao longo do verán algunhas das igrexas románicas do século XII máis singulares do municipio, converténdoas en escenarios privilexiados para a música de cámara. Unha proposta que busca crear novas formas de achegarse ao patrimonio, poñendo en diálogo a arquitectura histórica e a creación musical contemporánea.

A entrada ao concerto será libre ata completar o aforo da igrexa.