Nais e pais de Cerveira e Tomiño planifican xuntos actividades lúdico-educativas para os meses de xullo e outubro As actividades son as incluídas nos proxectos gañadores do OPT (Orzamento Participativo Transfronteirizo) 2019

As asociacións de nais e pais de Vila Nova de Cerveira e Tomiño (ANPAs) comezaron a planificar a pasada semana, as actividades dos proxectos gañadores no Orzamento Participativo Transfronteirizo (OPT) 2019.

Trátase de dous proxectos impulsados conxuntamente polas asociacións de pais e nais dos dous concellos, que durante o proceso de votación obtiveron máis do 50% dos votos e serán desenvolvidos ao longo deste ano, cadanseu cun orzamento de 10.000 euros.

Un dos proxectos pretende a conciliación laboral para as familias, a través de actividades lúdico-educativas nunhas vacacións activas e creativas, a desenvolver no mes de xullo.

O outro proxecto gañador persigue educar en valores, a través de actividades artísticas e medioambientais, entre as que están previstas visitas a unha granxa-escola e experimentación con materiais de refugallo. Esta actividade está prevista para o mes de outubro.

Os organizadores tentarán implicar nestas actividades compartidas, até 400 nenos e nenas de entre 3 e 12 anos tomiñeses e cerveirenses.