20 Abr 2016 Nenos e nenas do colexio de Goián participan por primeira vez na mostra “EDUCARTE” celebrada en Vila Nova de Cerveira
A actividade é o resultado da axenda de cooperación que Tomiño vén desenvolvendo dende hai tempo co municipio fronteirizo
Dentro das actividades presentadas onte no marco da Axenda Cultural e Deportiva Amizade 2016, atópase a mostra de arte infantil e xuvenil “EDUCARTE”, aberta ao público no Forum Cultural de Vila Nova de Cerveira, a partir de hoxe e ata o día 22, inclusive.
No afán de afundir nas relacións de cooperación entre as dúas comunidades fronteirizas, por primeira vez, os nenos e nenas do colexio Pintor Antonio Fernández, de Goián, participarán na mostra artística, con dúas obras específicas, xunto a máis dun centenar de alumnos e alumnas portugueses, cos que se relacionarán.
Os máis pequenos (5º de Educación Infantil), traballaron sobre a obra “As Mariscadoras” do pintor Luis Seoane (Bos Aires 1910. A Coruña 1979), investigando o oficio, as ferramentas, as vestimentas, etc. destas traballadoras. Na súa obra, os nenos e nenas usaron diferentes materiais (témpera, cera branda, acuarela) e moita creatividade.
Os de 5º e 6º de Primaria, pola súa banda, expoñen parte do seu traballo no proxecto “Ríos”. Mitoloxía Galega e seres fantásticos relacionados cos ríos.
Un destes seres, é a COCA, ou tarasca; un animal monstruoso con corpo de dragón, cola de serpe e ás semellantes ás dos morcegos.