No Día do Libro 2020 convidamos aos tres clubs de lectura de Tomiño a falarnos da súa actividade Un dos grupos é promovido pola Concellería de Cultura coa colaboración de moz@s voluntari@s

Son un club. Nen un curso, nen un obradoiro. Un club. Son persoas lectoras; gústalles ler e falar do contido do texto sen necesidade de pretexto. Son diversas: distintos gustos, distintas ideas, distintas opinións. E están comprometidas coa lectura. Faltaría máis, non é para menos!

Velaquí o resultado das entrevistas realizadas:

CLUB DE LECTURA SENRAIA

  Coordinadora grupo Senraia.

1.-Como e cando nace o voso Club de Lectura? Como xorde o seu nome? O Club forma parte da Asociación Sociocultural Senraia, polo tanto nacemos cando nace ela, no 2016. O nome da asociación responde á idea que tivemos dende o comezo: pensamos que a lectura, como a música, o teatro e calquera manifestación creativa, cultural ou de lecer son elementos dinamizadores moi potentes , que serven como “eliminadores” desas fronteiras artificiais que moitas veces creamos na sociedade. Non pensando tanto nas fronteiras físicas, que tamén, porque vivimos na raia, senón sobre todo nas fronteiras sociais e humanas. Pensamos que o feito colectivo de compartir unha lectura, como un concerto ou unha charla, enriquece persoal e socialmente e nos iguala ao mesmo tempo que respecta a individualidade, os gustos e as preferencias de cada persoa. No Club de Lectura isto apréciase moi ben: cadaquén ten os seus gustos e hábitos literarios, pero a posta en común dun libro é algo moi enriquecedor, estéase de acordo ou non co que plantexan as compañeiras e compañeiros. De feito, os mellores momentos son cando hai discrepancia. Defender a propia apreciación dun libro fronte á contraria xera situacións apaixonantes dignas de ver e escoitar (risas).

2.-Que temáticas tratades? Non temos unha temática concreta porque pensamos que a literatura é demasiado rica como para descartar algunha e porque as persoas que integramos o Club somos moi diferentes en hábitos e gustos. Os libros son escollidos entre as propostas que fan as persoas do Club que asisten a cada tertulia e que queran facelas, sen criterio selectivo previo. O que si pode xurdir é a proposta dun libro concreto con ocasión dalgún acontecemento, ben sexa unha data de celebración, unha previsión de saída cultural á que asociamos unha lectura relacionada, etc. De xeito natural poden xurdir indagacións en temas concretos por alguna relación co libro anterior ou o seu autor ou autora. Por exemplo, temos lido bastante literatura escrita por mulleres, pero sen tomar unha decisión previa de que así fora, senón porque unha autora levou a outra e xurdiu inevitablemente a invisibilización histórica das mulleres na literatura; a visión dende as mulleres de determinadas temáticas das que só léramos a homes, etc Isto pasou hai un tempo con Lucía Berlín e o seu “Manual para mujeres de la limpieza”, por exemplo, entre outras autoras.

3.-Fálame sobre a dinámica das reunións; que valores fomenta o Club de lectura?. Esta pregunta respondémola un pouco co que che contabamos na primeira: o Club de Lectura é unha forma moi bonita, moi forte, de aunar a persoas moi diferentes que, mantendo á súa individualidade, son quen de compartir algo, neste caso a lectura dun libro. Parécenos un xeito estupendo de relacionarnos. Fomentamos a lectura, claro, pero tamén (ou máis ben como consecuencia) a reflexión – porque temos que desenvolver o noso punto de vista e iso require ordenar as ideas para que te entendan, e tamén escoitar ás demais e pensar acerca do que están a explicarnos sobre a forma ou a temática dun libro – a capacidade de debatir, de escoita activa, de expoñer e defender unha lectura e por extensión unha idea ou unha determinada posición sobre un tema. Pensamos que son valores un pouco deixados de man pola sociedade na que vivimos, e así nos vai. Neste sentido o Club funciona como un oasis. Pero que isto non pareza o que non é: non somos nada solemnes. Trátase de “naturalizar” o feito de ler , de pensar e de escoitar a quen non pensa coma ti. E polo camiño, pasalo ben.

4.-Celebrades homenaxes ao longo do ano por efemérides concretas? Non o temos como norma ( en realidade non temos moitas normas , risas) pero pode xurdir, si, se alguén o propón, xa sexan datas fixas de todos os anos, ou máis ben, por acontecementos puntuais.

5.-Dadas as circunstancias actuais de confinamento, reinventouse o Club? Co Decreto de Alarma tivemos que cancelar a reunión de marzo e teremos que cancelar a de abril. Aínda non nos deu tempo a reorganizarnos porque somos unhas 25 persoas activas no Club e, como todo o mundo, estamos a aterrar nesta nova situación; polo tanto agardando ás limitacións de aforos que se dicten e demais. O que si mantemos moi activo é o grupo de whatsapp do Club . Dende el facemos propostas e recomendacións e, inevitablemente, dicímonos o moito que nos botamos de menos e animámonos mutuamente, que os afectos tamén é bo traballalos. Teremos que idear alternativas a medida que se concreten as medidas polas autoridades, sexa nas reunións presenciais, cando se podan reiniciar, sexa coas novas tecnoloxías. Debatirémolo entre todas as persoas que conformamos o Club.

6.-Como escolledes as lecturas? A dinámica é a seguinte: reunímonos o último sábado de cada mes e despois de comentar o libro desa sesión, as persoas que o desexan fan propostas dun libro e explican brevemente as súas razóns. Entre todas as propostas escollemos por votación o libro para comentar na reunión do mes seguinte e quen o propuxo comeza a sesión coas súas impresións: a partires de aí empeza o debate. Ao final de cada sesión engadimos a lectura de poesía e quen se encarga da lectura dos poemas nunha reunión escolle a quen debe ler na seguinte, que pode levar ou non música para acompañar á súa lectura e , se quere, contarnos a razón desa escolla.

Esta dinámica ten certa flexibilidade: se a alguén lle apetece a maiores falar dun libro lido fóra das propostas, benvido sexa o comentario. Ou por exemplo, unha das integrantes escribe relatos, así que somos tamén o seu Club de fans e celebramos cada un deles, sobre todo os resumos que fai das sesións, que son boísimos.

Charo Lorenzo, a coordinadora, organiza cada sesión, buscando o sitio (porque Senraia -ai!- aínda non ten sede física e porque, para que mentir, resúltanos agradable movernos). Charo tamén modera a tertulia e o debate, facendo os resumos de cada sesión, as propostas e encargándose do pedido de libros ,a quen desexe compralos, en Novidades en Tomiño ,como xeito de apoiar o comercio local.

Tamén convidamos a algunha autora e é algo que queremos seguir a facer, así como os Obradoiros de Escrita Creativa impartidos por Silvia Penas, que foron marabillosos.

Temos pendente a asistencia de María Alonso Seisdedos, a tradutora que temos o luxo de ter en Goián , ademais lemos algunha obra traducida por ela, pero xusto chegou o Estado de Alarma e tivo que aparazarse cara más adiante.

Ás veces organizamos saídas culturais a lugares de interese . Fomos a Urueña, “ Vila do libro”, a Ourense para comentar A Esmorga, a Porto, á Casa Museo de Cunqueiro en Mondoñedo para comentar As crónicas do Sochantre, a Compostela… e mesmo a Londres. Todas as saídas son lúdicas pero enfocadas a aspectos culturais do lugar ao que imos.

E por último, importante, todas as sesións son aderezadas coas súas correspondentes viandas, que levamos ou encargamos. Alimentamos a mente, si, pero sen esquecer o demais.

7.-Que tempo lle adicades a este fermoso proxecto? Unha vez ao mes. 2- 3 horas en cada reunión. E cústanos marchar!

8.-Como se poden adquirir bos hábitos na lectura? Uf, vaia pregunta (risas). Vouche contestar á inversa: temos claro como non se fomenta que é obrigando a ler. Por exemplo, nós que non somos de normas, si que temos unha premisa que é, xunto co respecto, a única que temos: a quen non lle guste, apeteza ou enganche un libro dunha reunión concreta, que o deixe, sen piedade, e se quere – só se quere – que nos conte a razón . A lectura tamén funciona segundo o estado de ánimo, o momento, o tempo e dende logo, os gustos.

De todos xeitos, fomentar o hábito de ler, pois supoño que o que che dicía antes, naturalizándoo, que a lectura forme parte do cotiá. Que os libros estean presentes no noso día a día. Miralos, tocalos, pasar as follas, escoitar a quen os creou. Por iso os Clubes de Lectura parécennos importantes. Son un xeito de que xente que le habitualmente enriqueza as súas lecturas, pero tamén fomenta o hábito a quen le pouco ou nada.

9.-E por último, responde a unha pregunta plantexada por ti que botes/botedes de menos nesta entrevista. Só dúas cousas: unha, que sabemos que hai xente interesada en entrar no Club, cousa que é xenial, malia que tivemos que rexeitar a petición só por unha razón: é moi difícil coordinar un grupo de lectura de máis de 25 persoas e temos o cupo máis que cuberto. Perderíase o dinamismo e a posibilidade de participación de todas as persoas que xa están, ademais da dificultade que supón atopar sitios para xuntarnos. Danos moita rabia, pero polo de agora non temos a posibilidade de formar outro grupo, quen sabe se co tempo sí.

Outra: das 25 persoas activas neste Club , 22 son mulleres e 3 homes, algo que, polo que sabemos, é bastante habitual. Aí deixamos o dato para a reflexión e, sobre todo, animamos aos homes a participar nestas iniciativas tan enriquecedoras.

CLUB DE LECTURA CHOCOLATE CON LIBROS

Dúas xuntanzas antes do confinamento.

1.-Como e cando nace o voso Club de Lectura? Como xurde o seu nome? O Club comeza en xaneiro de 2012 a través dunha proposta do equipo da biblioteca do cole CEIP Pintor Antonio Fernández. Cada persoa nova que entra le como bautismo o libro “La sociedad literaria” e “El pastel de patata” de Guernsey. O nome do Club decidiuse entre todas Chocolate con libros.

2.-Que temáticas tratades? As temáticas son variadas e variopintas.

3.-Fálame sobre a dinámica das reunións; que valores fomenta o Club de lectura? O noso valor fundamental é o gusto pola lectura pero tamén a propia xuntanza xa que é terapéutica. O noso grupo está formado unicamente por mulleres. Achegámonos aos libros dende as nosas bibliotecas persoais, bibliotecas municipais, centros de ensino…As nosas son xuntanzas lectogastronómicas (sempre aportamos petiscos salgados e doces e tamén saímos a cear/almorzar…).

4.-Celebrades homenaxes ao longo do ano por efemérides concretas? Algunhas das actividades que facemos ou fixemos : Bibliocasiñas, envío de libros persoais ao cárcere de mulleres de Aranjuez, campaña de Nadal en colaboración co comercio goiané, onde se agasallaban libros segundo o gasto realizado, cinema como complemento ou extensión a nosa lectura, escrita de microrrelatos, almorzos rosalianos o 24 de febreiro, tertulias con escritoras/es; Puri Ameixide, Iria Misa, Francisco Castro, Pedro Feijoo… e tamén María Seisdedos, paseo literario con Puri Ameixide, encontros con outros clubes da zona, a través do libro As cartas de Kafka e a boneca viaxeira escribíronse cartas aos nenos e nenas do cole.

5.-Dadas as circunstancias actuais de confinamento, reinventouse o Club? Durante a corentena fixemos algún xogo de adiviñar o libro a partir da primeira frase do mesmo e tamén adiviñar o título. Elaborouse un conto, tamén e seguimos en contacto telemático para seguir ofertando propostas.

6.-E por último, responde a unha pregunta plantexada por ti que botes/botedes de menos nesta entrevista. Imos contestar con outra pregunta, para cando unha biblioteca municipal?

CLUB DE LECTURA MUNICIPAL “VIAXE AO INTERIOR”

Sesión por videoconferencia do grupo municipal de lectura.

1.-Como e cando nace o voso Club de Lectura? Como xurde o seu nome? A idea de formar este club foi de Paloma e Andrés, mocidade voluntaria da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) de Tomiño. A idea naceu de intentar que a mocidade tomiñesa aprendera a amar os libros gozando coa lectura. Como polo de agora non existe biblioteca pública esta é unha forma de dar a coñecer diferentes títulos e formar unha comunidade/familia de mozas e mozos lectores unidos por unha mesma paixón. A primeira reunión do club foi o día da celebración LGTBI+ no 2018. Despois de varios meses collín eu (Karina) o relevo, pois  por razóns laborais as outras persoas voluntarias non podían dinamizalo. O nome deste club puxéronllo as nenas e nenos que forman parte dende o principio. Adicamos parte dunha sesión a compartir o significado que ten a lectura para nós, e que sentimos cando lemos. Carla comentou que para ela é como facer unha viaxe sen saír da casa. Para Alfredo é un xeito de coñecerse mellor, como mirar cara adentro. De aí xurdiu ” Viaxe ao interior”. Despois Henar, outra voluntaria que traballa de deseñadora gráfica agasallounos o deseño que usamos como imaxe.

2.-Que temáticas tratades? As nosas lecturas son moi diversas, polo que ata o de agora tratáronse moitas temáticas. Por poñer un exemplo, o libro máis “sinxelo” foi o de” Marta e a píntega”, de Eli Ríos, que de sinxelo non ten nada, pois cuestiona e reinventa o papel das mulleres nos contos clásicos, o que deu para un bo debate. E o máis duro, foi o de “Memoria do silencio”, de Eva Mejuto, onde une maxistralmente a historia real das irmás Touza, que axudaron a medio millar de persoas, a maioría xudeas, a cruzar a Portugal durante a II Guerra Mundial coa historia de Frieda Belinfante, a primeira directora de orquestra europea  e membro da resistencia holandesa. 

3.-Fálame sobre a dinámica das reunións; que valores fomenta o Club de lectura?. A idea é que este sexa un espazo libre, onde a rapazada poda ser ela mesma, onde poder falar sobre o que sinten, pensan, queren etc, sen unha estrutura pechada que os dirixa.

A miña función como coordinadora é basicamente a de acompañamento.

Os valores primordiais do club son: fomentar a lectura en galego e xerar así un vínculo emocional coa lingua a través de historias, que ao ser escritas na Galiza teñen máis que ver coa nosa realidade. Como por exemplo o libro que lemos de Iria Misa, “Segredos no solpor”, que nos traslada a escenarios tan achegados como Cabo Silleiro. O que nos leva ao seguinte dos valores, visibilizar ás escritoras galegas. Isto,ademais, permítenos interactuar directamente con elas, que lles fai moita ilusión as nenas e nenos. Outra das cousas que pretendemos é crear tribu, que fagan comunidade fóra do ámbito escolar.

4.-Celebrades homenaxes ao longo do ano por efemérides concretas? Non facemos homenaxes concretas, tentamos adicarlle unha ampla atención a cada unha das autoras que lemos.

5.-Dadas as circunstancias actuais de confinamento, reinventouse o Club? Si claro, agora as reunións son virtuais e adicamos máis tempo a compartir os nosos sentires que ao debate en si.

6.-Como escolledes as lecturas? Para facilitar o acceso aos libros e que as familias non teñan que mercarlos usamos a plataforma Galicia Le. Aí lemos varias sinopses e os e as nenas escollen a que lles resulta máis atractiva.

7.-Que tempo lle adicades a este fermoso proxecto? Dado que as nenas/os xa están sobrecargados no seu día a día, temos de prazo un mes para a lectura do libro, queremos que estas lecturas sexan agradables e non unha presión engadida. As reunións acostuman a durar sobre unha hora e media e sempre se quedan curtas, sobre todo dende que completamos o cupo.

8.-Como se poden adquirir bos hábitos na lectura? Educar co exemplo é primordial, porque os nenos e nenas tenden a imitarnos, comos os seus referentes. Non podemos pedirlles ás nosas fillas e fillos amor pola lectura cando non o ven nas persoas adultas do seu círculo máis próximo.  Por outra banda ler é un acto individual e libre, no momento que o convertemos en algo obrigatorio estamos quitándolle a parte lúdica. Por iso, neste Club a única obriga é deixar de ler o libro se non estás a disfrutalo.

9.-E por último, responde a unha pregunta plantexada por ti que botes/botedes de menos nesta entrevista. En vez dunha pregunta vou facer unha reflexión que me gustaría aportar; que deixemos de obsesionarnos con mercarlles aos máis pequenos libros específicos para aprender cousas (emocións, cores, compartir…)  A lectura ten que ser divertida.

Dende o concello de Tomiño valoramos este tipo de iniciativas que permiten construir comunidades afectivas e efectivas dentro da lectura. Nesta corentena o confinamento con libros abre unha xanela ao mundo e agradecemos ás persoas integrantes dos Clubes de Lectura de Tomiño á súa amabilidade. FELIZ DÍA DO LIBRO!