O docente, escritor e investigador José Antonio Fernández Bravo inaugurou a VII Semana da Educación, que retomou a presencialidade

“Non se trata de que os nenos e nenas aprendan como nós ensinamos, senón de ser capaces de ensinar como eles e elas aprenden” O docente, escritor e investigador José Antonio Fernández Bravo inaugurou a VII Semana da Educación, que retomou a presencialidade

“Hai que crer no que aprende, ese é o éxito do que ensina”. Así de contundente amosouse o docente, escritor e investigador especializado en Educación e Matemática José Antonio Fernández Bravo na inauguración este luns no auditorio de Goián da VII Semana da Educación de Tomiño, que nesta nova edición volveu á presencialidade baixo o lema ‘TransFORMANDO a sociedade, educando na diversidade’. “É un momento moi emocionante porque significa que imos superando nada máis e nada menos que unha pandemia mundial, porque agardamos volver á normalidade e porque ciencia e coñecemento fixeron unha vez máis que avanzáramos”, salientou a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, antes de dar paso a “un conferenciante de excepción, o profesor de matemáticas que todo neno e nena desexaría ter pola súa forma de achegar a materia a través do humor, da diversión, con agarimo… porque como el di, para ensinar matemáticas o primeiro que hai que facer é facer sorrir”.

Premio de Metodoloxía Creativa, autor de máis dun cento de libros sobre Educación e aprendizaxe da matemática e director de proxectos europeos Leonardo de Investigación e Innovación, Fernández Bravo explicou ao público que encheu o auditorio que “a escola non é unha cuestión de espazo, senón de tempos”. “Unha cousa é superar contidos e outra obter coñecemento. É moi importante ensinar dende o cerebro do que aprende. Hoxe xa non se trata de que os nenos e nenas aprendan como nós ensinamos, do que hoxe se trata é que nós sexamos capaces de ensinar como eles e elas aprenden. É tan sinxelo como contar coa outra persoa e para iso temos varias estratexias, como escoitar as experiencias do que aprende. E para escoitar debemos crer en el ou en ela”, explicou.

Durante a xornada, Fernández Bravo animou ao público a reflexionar sobre a importancia de desatar ligaduras e superar costumes de dubidoso acerto na ensinanza porque “como é posible a atención á diversidade sen unha diversidade de atención?”. “Durante toda a educación confundimos as necesidades da persoa que aprende cos desexos da persoa que ensina. Pero a pregunta non é que teñen que memorizar, senón que precisan recordar”, recalcou ao tempo que lamentaba que actualmente “confundimos o procedemento co obxectivo”. “Os obxectivos non soen cambiar, pero si os procedementos e non telo en conta é un erro”, explicou.