O alumnado do CRA de Tomiño homenaxea ás mulleres cunha instalación artística baseada na obra “Over the continents” da artista xaponesa Chiaru Shiotta A montaxe poderá verse no 1º andar do mercado, entre os días 7 e 21 de marzo

O equipo da Biblioteca do CRA (Colexio Rural Agrupado) Mestre Manuel Garcés de Tomiño, prepara co fin de conmemorar o Día da Muller, o vindeiro 8 de marzo, unha instalación artística, que poderá verse no primeiro andar do mercado municipal, entre os días 7 e 21 de marzo.

“Queremos facer unha homenaxe a todas as mulleres do noso alumnado”, explican dende a biblioteca do centro.

Trátase dunha montaxe baseada na obra “Over the continents” da artista xaponesa Chiaru Shiotta (na foto).

Cada neno ou nena achegará un zapato dunha muller da súa familia e unha fotografía da dona do calzado, desempeñando a súa profesión ou oficio. “Todas son válidas, dende a da ama de casa até a da panadeira, costureira ou farmacéutica”, sinala Antón de Valenzuela, director do CRA. Segundo el, o que perseguen dende a institución é “ poñer en valor o papel da muller, tomando coma referencia as mulleres máis importantes da vida dos nosos estudantes, e tecer así, unha rede de mulleres valorosas da nosa contorna”.