O Baixo Miño adapta o seu agro para un desenvolvemento ambiental, económico e social sostible Aos sistemas de optimización enerxética e de recursos e á innovación xenética e botánica, súmanse iniciativas para a profesionalización do sector, a creación dunha bolsa de emprego

Cambio climático, contaminación, despoboación… son algúns dos problemas máis importantes aos que se enfronta o agro, un sector que no Baixo Miño leva tempo traballando e esforzándose por convertese en motor de desenvolvemento sostible da comarca, tanto a nivel ambiental como económico e social.

Por este motivo, as empresas do sector levan tempo implementando sistemas de optimización enerxética e de recursos, especialmente dos hídricos, nos que se empregan as novas tecnoloxías para monitorizar e obter información precisa que permite por exemplo un rego de precisión ou reciclando a auga sobrante do regadío e a pluvial para reducir o consumo. A rotación de cultivos e o uso de recursos endóxenos, coa selección xenética e botánica de cultivos e o uso de clones autóctonos adaptados ás condicións da comarca, permiten poñer en valor o produto tanto a nivel agronómico como económico.

O futuro: profesionalización e bolsa de emprego

Pero esa sustentabilidade medioambiental debe camiñar da man cun futuro económico prometedor e coa capacidade de xerar emprego de calidade. A Asociación de Cultivos do Baixo Miño (acuBam) segue apostando pola profesionalización do sector, motivo polo que a 16ª Mostra de Cultivos (15, 16 e 17 de marzo no pavillón deportivo de Goián e auditorio) contará cunha xornada específica na que se abordarán as necesidades laborais do agro na comarca e as ofertas formativas que se están a desenvolver e se promoverá unha colaboración estable entre empresas e docentes.

Nela tamén se presentará a primeira bolsa de emprego agraria transfronteiriza, a través da que acuBam formará unha base de datos de traballadores do sector coa que cubrir as necesidades laborais das empresas socias. As persoas interesadas poderán achegar o seu currículum á Mostra de Cultivos ou ben entrar na web acubam.org e deixalo de xeito virtual ou consultar as ofertas de emprego dispoñibles nese momento.

Nun sector no que o 80% das persoas traballadoras son mulleres séntese fundamental sustentar ese desenvolvemento no fomento da igualdade, con plans de conciliación ou de formación, así como na posta en marcha de iniciativas que fomenten a responsabilidade social das empresas, que se traduce por exemplo en distintas colaboracións coa Asociación San Xerome, entre outras entidades.