O Centro de Día de Tomiño conmemora o Día Mundial de Toma de Conciencia do Abuso e Maltrato na Vellez, cunha mesa informativa e unha exposición O Concello colgou da fachada da Casa Consistorial unha lona conmemorativa e montou no Mercado Municipal, unha exposición con 15 fotografías e textos realizados polos usuarios e usuarias

Tomiño conmemorou hoxe o Día Mundial de Toma de Conciencia do Abuso e Maltrato na Vellez. Un grupo de usuarios e usuarias do Centro de Día, achegouse á Praza do Seixo acompañado polo persoal da entidade asistencial, para informar e sensibilizar á cidadanía sobre este problema que afecta a tanta xente maior.

Con este fin, o Concello montou unha mesa informativa, na que se colocaron cartaces e dípticos alusivos ao tema.

Así mesmo, a Concellería de Benestar que dirixe Cristina Martínez, colgou da fachada da Casa Consistorial unha lona conmemorativa e montou no primeiro andar do Mercado Municipal, unha exposición con 15 fotografías e textos realizados polos usuarios e usuarias do centro de día.

En cada un dos cadros, desmóntase a base de imaxes e textos, tópicos sobre a xente maior, por exemplo, os de: “a estas idades só son unha carga”, “divírtense coma nenos”, “é hora de que descansen”; “xa están coas súas batalliñas”, “as persoas cando envellecen descoidan a súa imaxe”, “a esa idade necesitan todo feito” ou “pareces unha vella, todo o día queixándote”.

Deste xeito, e con explicacións sinxelas e de sentido común, faise saber ao espectador que as persoas maiores son persoas válidas e con grande experiencia que poden contribuír de maneira importante ao desenvolvemento da sociedade, segundo explicou Paula Puga, membro do equipo profesional do Centro de Día de Tomiño que acompañou aos usuarios e usuarias.