30 Xul O ciclo Música&Románico despediuse das igrexas de Tomiño coa actuación de Boroa Esta serie de catro concertos tivo lugar cada venres de xullo nas igrexas románicas de Santa María de Tebra, Santa María de Tomiño, San Vicente de Barrantes e San Salvador de Tebra
Un ano máis música e arquitectura foron da man durante todo o mes de xullo en Tomiño grazas ao ciclo Música&Románico, que permitiu achegar á comunidade o seu patrimonio de maneira orixinal e única, despedíndose ao son das gaitas de Boroa.
Este ciclo, moi aclamado por un público cada vez maior, fai un gran labor patrimonial e cultural, tal e como sinalou a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, “Música&Románico ofrece unha oportunidade única para resaltar e desfrutar da nosa riqueza patrimonial dunha maneira especial. Enche o noso verán de lecer e cultura, poñendo de relevo tamén o noso patrimonio e gozando del dun xeito diferente”.
Nestas citas de balde, o público tivo a oportunidade de desfrutar durante catro xornadas dunha oferta variada, que comezou o 5 de xullo baixo a batuta de Tor na Igrexa de Santa María de Tebra. Nesta ocasión tratábase dun grupo de folk céltico cun repertorio de temas instrumentais tomados da tradición galega, que soaron de forma única nesta igrexa.
A seguinte cita coa que a música percorreu un dos templos do século XII foi a de Simant Dúo, na que piano e trompeta se fundiron na Igrexa de Santa María de Tomiño, deixando un recordo inesquecible aos asistentes.
Pola súa banda, os encargados de resoar na Igrexa de San Vicente de Barrantes nunha cita única foron Mallou, que co seu formato dúo levaron a Tomiño a súa fusión única de raíz americana e galega neste marco histórico inmellorable.
E a agrupación encargada de pechar esta iniciativa, na que música e arquitectura se funden cun mesmo fin, foron Boroa, que fascinaron aos asistentes que se atopaban na Igrexa de San Salvador de Tebra cos súa versatilidade coa gaita. Sendo estes afortunados os últimos en escoitar as notas musicais nun dos templos do século XII que acolleron esta edición 2024 do Música & Románico.