O Cineclub Poleiro retoma a súa actividade o vindeiro xoves "Capharnaüm", unha película libanesa, premio do xurado de Cannes, abrirá a nova tempada de outono. No Auditorio de Goián, ás 21.30h

O Cineclub Poleiro retoma a súa actividade o vindeiro xoves, 8 de outubro, con “Capharnaüm”, a película libanesa que tivo que anularse en abril por causa do confinamento.
Coidarase co maior rigor que as medidas esixidas de aforo, distancia e hixiene (uso obrigatorio de máscara) se cumpran para evitar calquera risco de contaxio. “Queremos contribuír con bo cinema a que o outono que temos por diante se nos faga menos longo e complicado”, explican dende o cineclub de Goián.
O xoves 8 de outubro, ás 21:30 horas arranca un novo ciclo no Auditorio de Goián coa película CAPHARNAÜM escrita e dirixida por Nadine Labaki. Converteuse na película de Oriente Medio de maior recadación de todolos tempos despois dun grande éxito internacional.
Sinopse: Conta a historia de Zaín un neno de 12 anos condenado a cinco anos de cárcere por acoitelar a un home. Denuncia aos pais e cando o xuíz lle pregunta por qué, contéstalle : “porque nacín” expresando que eles son os responsables da súa dura vida.
O xoves 5 de novembro o cineclub proxecta A ILLA DAS MENTIRAS dirixida por Paula Cons.
Sinopse: Madrugada do 2 de xaneiro de 1921. Naufraxio frente a illa de Sálvora do buque Santa Isabel con destino a bos Aires. Tres mulleres bravas salvan a preto de 50 náufragos. Un xornalista arxentino investiga o suceso e descubre moitas incógnitas. Historia e ficción sobre as heroínas de Sálvora.
O xoves 3 de decembro é o turno de BENZINHO unha película dirixida polo brasileño Gustavo Pizzi . Conta a historia dunha ama de casa de Rio de Janeiro con catro fillos que acolle á súa irmán e ao seu sobriño.
Pechan o ciclo o xoves 14 de xaneiro cunha película colombiana baseada nunha historia real, que explica a orixe do narcotráfico en Colombia, PÁJAROS DE VERANO , dirixida por Ciro Guerra e Cristina Gallego .
5 € para os que presenten o bono do ciclo anterior, 10 € para o resto.