02 Mar O Club Atletismo Trega regresa con 4 medallas e un récord do Campionato Galego de Pista Cuberta O Concello de Tomiño traslada os seus parabéns a todas e todos os deportistas do club polo seu esforzo e polos bos resultados acadados
Excelentes resultado do Club Atletismo Trega no Campionato Galego de Pista Cuberta celebrado en Ourense, onde se deron cita as e os atletas galegos coas mellores marcas tanto en carreiras de velocidade, valo, mediofondo, salto de pértega, altura, lonxitude, triplo e lanzamento de peso. O club tomiñés regresou a casa cun total de catro medallas (un ouro, unha prata e dous bronces) e cun récord galego nos 1.000 m na categoría Sub12 masculina.
O concelleiro de Deportes, Ismael Troncoso, quere trasladar de parte do Concello de Tomiño parabéns a todas e todos os integrantes do equipo polo traballo realizado e o esforzo investido, ademais de polos bos resultados acadados nesta competición e polas excelentes melloras nas marcas persoais das e dos deportistas.
Dous días de competición
A primeira xornada da competición contou cun único representante do club, Kevin Álvarez, que quedou quinto clasificado na súa serie na segunda semifinal nos 400m Sub20. Aínda que non entrou na final destacou pola mellora da súa marca persoal.
A segunda xornada contou con 9 atletas do Trega clasificados nas categorías Sub10, Sub12 e Sub14 que fixeron un gran campionato. Nos 1.000 m Sub12 masculino, ouro para Álex Sierpes, que se proclamou campión galego cun tempo de 3’13’’32, mellorando a súa marca persoal e batendo o récord galego, o que o sitúa na primeira posición no ránking galego de pista cuberta. Nesa mesma carreira o seu irmán, Christian Sierpes, conseguiría ouro e quedaría terceiro no ránking galego tras mellorar a súa marca persoal en 11 segundos.
Nos 1.000 m Sub14 feminino, Marcela Morgado realizou unha sensacional e intelixente carreira que a levaría a converterse en subcampiona galega con medalla de prata, a tan só 3 segundos do ouro. Mentres, Elisa Morgado, acadaba nos 1.000 m Sub12 a medalla de bronce. Nesa mesma categoría, novena posición para Carmen Magallanes, que non estivo ao cen por cen por problemas de saúde.
Pola súa banda, na proba de velocidade, sexto posto para Paula Rocha, sétima para Mara González e oitava na segunda semifinal para Amanda Martínez. Nos 500m Sub 10 femininos sétima posición para Paula Rocha e nos masculinos terceira posición da súa serie para Yeray Dacuña, noveno clasificado no cómputo xeral.