O compositor goianés Andrés Álvarez, obtén unha mención de honra da prestixiosa academia Hollywood Music in Media Awards, dos Angeles, California

O compositor goianés Andrés Álvarez, acaba de recibir unha mención de honra pola súa composición SYMPHONIC SKETCHES, de parte da prestixiosa academia Hollywood Music in Media Awards, dos Angeles, California.

Andres-Alvarez

A gala dos premios será o próximo 17 de novembro no teatro Fonda, de Hollywood, California.

Andrés Álvarez, membro da Agrupación Musical de Goián, profesor e director da Banda de música de Chapela, ten no seu haber varios premios de composición e a súa obra foi interpretada como obra libre e obrigada en diferentes certames da xeografía española e internacionais, sendo tamén estreada e interpretada en diferentes países como Francia, Bélxica, Holanda, Italia, Xapón, Venezuela, Colombia, Brasil…

O músico impartiu numerosos cursos de composición e instrumentación por toda a xeografía española e portuguesa e foi requirido para formar parte de diferentes xurados, destacando a última edición do certame internacional de banda Flicorno D’Ouro en Italia.

Asemade, participou en diversas curtametraxes e documentais, como na banda sonora da longametraxe Soños de Sal (gañador este ano ao premio Goya ao mellor documental), na banda sonora da Mula ou na gravación da música orixinal de séries Seis Irmás emitida por RTVE, compaxinando o seu traballo de compositor coa de director da Banda de música de Chapela.

SYMPHONIC SKETCHES ou bosquexos sinfónicos é un concerto para banda sinfónica e quinteto de vento, encargo do quinteto galego RUBATO que foi estreado o pasado outubro pola xira que realizaron o compositor e o quinteto por terras brasileiras, facendo concertos en Santos, Río de Janeiro e Niteroi que segue a estrutura da sinfonía clásica, pero non comparte todas as súas características, xa que a duración é inferior á dunha sinfonía (18 minutos aproximadamente) e está estruturada nun só movemento.