O Concello aclara que non emprega gasóleo agrícola en ningún dos vehículos do parque móbil municipal O Concello ten un contrato cunha empresa subministradora de gasóleo cun estrito protocolo para a repostaxe da frota municipal

O Concello está a facer as investigacións oportunas para aclarar os motivos polos que o vehículo expedientado, en aluguer, foi entregado con este tipo de combustible

Ante as últimas informacións difundidas por parte do Partido Popular sobre un expediente sancionador por uso de gasóleo agrícola no parque móbil municipal, o Concello de Tomiño aclara que non emprega este tipo de combustible en ningún dos 35 vehículos que integran o parque móbil municipal.

O Concello ten un contrato cunha empresa subministradora de combustible que garante a correcta repostaxe de calquera vehículo da frota municipal cun estrito protocolo, asegurándose que reciben o combustible que lle corresponde independentemente da persoa que acuda a repostar.

Por outro lado, o vehículo sobre o que se abriu o expediente sancionador trátase dun vehículo alugado de forma temporal polo Goberno municipal para realizar tarefas puntuais. Polo tanto, o Concello está a facer as investigacións oportunas para aclarar os motivos polos que este vehículo foi recepcionado polo Concello con gasóleo agrícola para presentar todas as alegacións pertinentes.

O Goberno local lamenta que o Partido Popular utilice a mentira e a difamación para falar en malos termos do seu propio concello.