O Concello axuda por cuarto ano consecutivo ás traídas de auga, para mellorar os sistemas de captación, almacenamento e potabilización As bases para acceder ás subvencións, de 40.000 euros, foron aprobadas a semana pasada e en breve serán publicadas no BOP

Por cuarto ano consecutivo, unha trintena de comunidades de auga de Tomiño, poderá acceder á liña de subvencións municipais que pretende contribuír á mellora dos sistemas de captación, abastecemento e potabilización.

As bases das axudas, aprobadas a semana pasada en comisión de goberno, serán publicadas en breve no BOP (Boletín Oficial da Provincia), permitindo ás traídas (que serven a un total de 3.000 persoas en Tomiño) que reúnan os requisitos para ser beneficiarias, facer fronte a gastos de materiais, equipamentos e man de obra para realizar melloras dos sistemas de captación de auga (fontes e pozos e o seu entorno); sistemas de almacenamento e potabilización (depósitos e o seu entorno, filtración, decantación, filtración), e sistemas de distribución (extensión ou mellora nas redes de distribución).

Unha vez presentadas as solicitudes, unha comisión técnica avaliadora reunirase para valorar os proxectos, que deberán ter elaborado e actualizado un protocolo sanitario que garanta a calidade da auga, ademais doutros requisitos. Proporcionar auga de consumo a algún centro educativo ou presentar proxectos innovadores, serán tidos en conta para elevar a puntuación.

“O obxectivo do Concello é apoiar a estes sistemas de xestión comunitaria, para que poidan cumprir a normativa vixente en materia de auga de consumo. O cumprimento da normativa é preciso, tanto para garantir unha adecuada calidade do servizo, como para a renovación das concesións ante parte da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, e así asegurar a supervivencia destes sistemas de xestión tan importantes”, salienta o concelleiro de Servizos Públicos, Lois Vázquez.

O edil explica que ademais dos conceptos incluídos na convocatoria de subvención, o Concello financia para todas as traídas (cunha partida de 10.000 euros adicionais), parte do custo (o 50%) das analíticas anuais e kits de cloración; 100% de medidores de cloro, e 100% da alta no Sistema de Información Nacional de Augas de Consumo e na elaboración de protocolos sanitarios, polo que o investimento total nas traídas de augas do Concello de Tomiño, ascende a 50.000 euros ao ano.

“Este é o cuarto ano que se conceden as subvencións e, que saibamos, non hai outro concello que teña un programa de axudas similar”, puntualiza a concelleiro.

Debido ao novidoso deste tipo de programas de axudas, o Concello de Tomiño  foi convidado en varias ocasións a xornadas na Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), ou visitado nos últimos anos por comunidades rurais de abastecemento de augas doutras rexións e países, interesados en coñecer in situ os proxectos locais.