
08 Ago O Concello celebra a sexta edición do Certame de pintura ao aire libre Antonio Fernández As inscricións poden realizarse de forma telemática, na web municipal, ou ben presencial, o mesmo día do concurso
Un ano máis, o Concello de Tomiño organiza o Certame de pintura ao aire libre Antonio Fernández. Unha cita cultural á que asisten moitos artistas da comarca e outros puntos de Galicia, para pintar no entorno do Espazo Fortaleza de Goián.
A cita desta sexta edición será o día domingo 19 de agosto e poden participar, de balde, todas as persoas que o desexen, a partir dos 18 anos de idade.
A inscrición, totalmente gratuíta, pode realizarse telematicamente (https://tomino.gal/inscricion-de-actividades-de-arte-e-patrimonio) até o día venres 17 de agosto, ou ben, presencialmente, o mesmo día do certame, na Aula Antonio Fernández, de Goián (situada na Avenida Ordóñez, a carón da praza), entre as 9.30 e 11.30 horas.
O certame comezará entre ás 9.30 e as 11.30 horas do día 19 de agosto, na devandita aula-museo. Alí a organización procederá a selar e numerar os soportes das obras e dar as directrices precisas aos artistas participantes.
O xurado, composto por personalidades vencelladas ao mundo das artes e membros das entidades patrocinadoras, reunirase a partir das 19 horas para emitir o seu fallo media hora despois.
Os premios establecidos, patrocinados polo Concello e a Comunidade de Montes de Goián. son tres:
1º Premio – 1000€ · 2º Premio – 500€ · 3º Premio – 500€
As obras premiadas e tamén as demais realizadas no certame, serán expostas no Mercado Municipal entre o 21 e o 31 de agosto, para que poidan ser visitadas por toda a veciñanza.
Para máis información, pódense consultar as bases do concurso na páxina Web do Concello de Tomiño (https://tomino.gal/certame-pintura) ou chamar ao Departamento de Cultura (986 62 20 01/03) en horario de 8 a 14h.