30 Out O Concello concede 190 axudas para material escolar, e subvenciona trinta actividades extraescolares gratuitas
250 nenos e nenas de Educación Infantil, Primaria e Secundaria beneficiaranse das propostas
O compromiso do goberno local de Tomiño coa educación segue sendo unha prioridade. Por esta razón, dende o Concello impulsouse, a través dos Servizos Sociais, a creación do Consello Escolar Municipal, integrado por vinte representantes de Anpas, dirección de centros educativos, partidos políticos, sindicatos, servizos sociais municipais, centros de educación especial, etc.
Este Consello Escolar Municipal, na súa primeira reunión, acordou crear unha nova subvención para adquisición de material escolar. Tras a correspondente tramitación, veñen de concederse 190 axudas compatibles con outras subvencións para a adquisición de libros ou material.
Asemade, a Concellaría de Educación, que preside Olga Orduña, vén de impulsar un programa gratuíto de actividades extra-escolares para este curso escolar. A través desta acción, destinada a contribuír á economía das familias con menos recursos, 250 nenos e nenas dos distintos centros educativos de Educación Infantil, Primaria e Secundaria, terán acceso, de balde, a unha trintena de actividades, que van dende as máis tradicionais, como inglés, francés ou xadrez, até outras máis novidosas, coma multideporte, ioga da risa, zumba ou Lusofonía.