O Concello dá os parabéns ao Club Deportivo Miño polo seu gran inicio de ano Os Teixugos iniciaron a Liga Galega de Slálom en Mondariz con sete ouros e dúas pratas

O Concello de Tomiño quere dar os parabéns ao Club Deportivo Miño polo seu gran inicio de ano. Este domingo dez deportistas do club botáronse as augas do río Tea, ao seu paso por Mondariz Balneario, para participar na primeira das competicións da Liga Galega de Slálom e volveron a casa con sete ouros e dúas pratas. “Queremos recoñecer os seus grandes resultados na última proba e tamén a súa gran traxectoria. Os Teixugos son un equipo referente do noso deporte e tamén da formación en valores de moitos e moitas rapazas”, destacan no Concello. 

Luís Fernández realizou a mellor baixada da categoría C1 sénior en clasificatorias como en finais, e cun tempo de 102,36 segundos fíxose coa medalla de ouro. Emilio Rodríguez en K1 realizou tamén a mellor proba da súa categoría,  Ainhoa Barreiro, en categoría júnior, fíxose co ouro tanto en caiac como en canoa, mestres que en K1 júnior  Sergio Rodríguez, foi o gañador da proba, compartindo podio con Alexis Segadaes que rematou segundo, ouro e prata para os dous Teixugos.  

Mención especial tamén para Laura Alonso, xa que a deportista dobrou participación en categoría sénior, onde foi a única representante da categoría, subindo ao podio en solitario. “Eu son a resistencia”, afirmaba a deportista dos Teixugos con humor e facendo referencia á necesidade de campañas de promoción e fomento do deporte feminino.

Na proba tamén participaron Manuel Ochoa que en K1 sénior rematou a copa en segundo lugar, Brais Castro, que tivo dobre participación na categoría sénior K1 e  rematou undécimo e en C1 quinto, e Mateo Rivas e Adrián Lluch, cuarto e quinto en K1 júnior. 

Os Teixugos arrancan este ano no primeiro lugar da clasificación final por equipos. Na clasificación da proba remataron cun total de 192 puntos, por diante dos anfitrións e organizadores, o Club Tea de Mondariz con 180 e do Piragüismo Penedo con 116.