O Concello de Tomiño adxudicará proximamente as obras de profunda reforma do Campo do Alivio Investiranse 350.000€ con cargo ao Plan Concellos na remodelación, coa que se poderá ampliar o uso das instalacións e reducir o gasto en mantemento

O Concello de Tomiño resolverá proximamente o procedemento de contratación para levar a cabo a remodelación do campo de fútbol municipal do Alivio, que contempla a substitución do céspede natural por outro artificial, o cambio completo da iluminación e sinalización e a instalación de mobiliario urbano, entre outras mellores. Estas actuacións contarán cun orzamento de 350.000 euros a cargo do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

Esta profunda reforma do estadio suporá non soamente un importante aforro nos gastos de mantemento, senón tamén unha importante ampliación nos usos do campo. Segundo explica o concelleiro de Deportes, Ismael Troncoso, trátase de “dotar ao campo do Alivio da máxima utilidade e dar resposta á gran demanda de equipamentos deportivos que hai no municipio, xa que as instalacións coas que contamos actualmente están saturadas”.

A substitución integral do actual céspede natural por un campo de herba artificial permitirá a ampliación do tempo de uso do estadio, que poderá empezar a empregarse todos os días mentres que ata o de agora soamente se podía utilizar unha vez cada 15 días para evitar o deterioro do céspede. Isto tamén posibilitará aumentar os usos do estadio e transformalo para desfrutar dunhas instalacións melloradas con capacidade multideportiva.

Ademais, executarase unha nova rede de drenaxe (canalizacións, arqueta e pozos de rexistro e unha nova rede de rego con equipo de presión programador e sondas electrónicas de nivel), dotarase ás instalacións dun novo equipamento deportivo e substituiranse os proxectores existentes por outros novos de led, o que tamén suporá un aforro importante para o Concello. “Temos un gran número de nenos e nenas e de xente nova que practica deporte no municipio e dotalos do equipamento axeitado é unha forma de apoialos e de apoiar o deporte base”, salientou Troncoso.

A intervención comezará no mes de abril e durará aproximadamente dous meses.



X